Robótica social contra a soidade non desexada - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
A soidade non desexada é un fenómeno complexo que afecta á saúde física, emocional e social das persoas maiores. A tecnoloxía ofrece unha alternativa prometedora para ampliar o acceso a intervencións que melloren o seu benestar.
No marco do proxecto LAR contra a soidade non desexada, desde Cruz Vermella exploramos unha experiencia innovadora: o uso de robots sociais como ferramenta de acompañamento emocional e estimulación cognitiva para persoas maiores en situación de vulnerabilidade psicosocial.
Por este motivo, desenvolvéronse uns living lab comunitarios (bancos de probas) cuxo obxectivo era testar e observar a eficacia e eficiencia da robótica social para reducir a soidade non desexada, avaliando a súa contribución aos aspectos emocionais e sociais das persoas maiores.
Estas accións con persoas maiores e varios robots sociais desenvolvéronse no mes de outubro deste ano. Por unha banda, participamos no evento “O valor da experiencia” que se celebrou na Coruña o día 16. Dos 250 asistentes, 193 eran persoas maiores, e a valoración da experiencia cos robots foi moi boa no 89,22 % dos casos. Doutra banda, o día 20 realizamos unha sesión na Pastoriza, Lugo, con 12 participantes da cantina social, que fixeron unha valoración positiva en todos os casos. Unha conclusión importante desta xornada é a integración exitosa dos robots en experiencias na contorna rural.
Algunhas conclusións
Nestes bancos de probas observouse como a interacción con robots pode facilitar a comunicación, xerar curiosidade e promover o benestar psicosocial, e como a súa presenza pode mellorar a participación social e reducir o illamento. A tecnoloxía, cando se pon ao servizo do coidado, pode abrir novas vías de relación e benestar.
A robótica social demostrou ser unha ferramenta eficaz para promover interaccións significativas, reducir a soidade e reforzar a innovación sostible.