• Contacto
  • Intranet
  • Identifícate
  • Sala de Prensa
  • FAI VOLUNTARIADO
  • FAITE SOCIO/A

O encontro “Voces en Rede” promove o benestar e a conexión das persoas maiores a través da innovación - Cruz Vermella

Nested Applications

Publicador de contidos

O encontro “Voces en Rede” promove o benestar e a conexión das persoas maiores a través da innovación
Presente
Noticias
Feb
27
2026
27 Febreiro O encontro “Voces en Rede” promove o benestar e a conexión das persoas maiores a través da innovación

Cruz Vermella celebrou hoxe no Pazo da Cultura Pontevedra o encontro “Voces en Rede: contando voces, conectando vidas”, unha xornada para compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas sobre o uso das tecnoloxías por parte das persoas maiores.

O encontro deseñouse como un espazo de aprendizaxe e reuniu a máis de 100 persoas de toda Galicia vinculadas co proxecto Voces en Rede, entre os participantes estaban persoas maiores, voluntariado e persoal técnico.

En Cruz Vermella contamos con diferentes proxectos orientados a paliar a soidade non desexada. Un exemplo é Voces en Rede, un proxecto pioneiro desenvolvido en colaboración entre Cruz Vermella e a Fundación Amancio Ortega, que aúna a tecnoloxía co apoio do voluntariado. A introdución de asistentes de voz nos fogares das persoas maiores facilita a súa conectividade á vez que contan cunha rede de acompañamento presencial.

O encontro estivo conducido pola actriz galega Lucía Veiga. A benvida institucional realizouna a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, que estivo acompañada por Gonzalo Iglesias Rial, presidente provincial de Cruz Vermella en Pontevedra, Ana de Santiago Forn, técnica do proxecto Enrédate e Voces en Rede de Cruz Vermella Española e por Gloria Veiga Rodríguez, presidenta de CONFEMAC – Confederación Estatal de Maiores Activos.

A continuación, Gloria Veiga, ofreceu o relatorio “O benestar e a autonomía das persoas maiores”, na que abordou os retos e oportunidades que se presentan nesta etapa da vida e a importancia de estar activos. Ademais, xerouse un interesante debate entre os asistentes.

Tras unha pausa café, a xornada centrouse no camiño de experiencias “Contando voces”, un itinerario participativo no que as persoas asistentes traballaron por grupos en cinco aulas temáticas: O mundo máis aló dunha pantalla: O medio rural, Escucha a miña voz, Asistentes de voz e Creando conversacións.

Nestas sesións exploráronse ferramentas, dinámicas e casos reais que mostran como as tecnoloxías de voz poden facilitar a vida cotiá, mellorar a comunicación e reforzar a seguridade e a autonomía das persoas maiores.

Tras a comida, a tarde incluíu un espazo de reflexión “Conectando vidas”, conducido polo dúo Izquierdo Sisters, que se encargou de reflectir diferentes realidades con exemplos e anécdotas coas persoas maiores e os dispositivos de voz como protagonistas.

 

 

Comparte este artículo: