255 familias acolleron a 301 menores en Galicia durante o ano 2025 - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
As familias acolledoras ofrécenlles o seu fogar temporalmente a nenos, nenas e adolescentes que non poden estar cos seus pais e nais porque non están nas condicións idóneas para o seu coidado. O programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, que se xestiona desde Cruz Vermella, consolida ano tras ano o seu papel esencial na protección da infancia.
Durante 2025 foron 255 familias as que estiveron acollendo nalgún momento do ano en Galicia e proporcionando agarimo, protección e coidados a 301 nenos, nenas e adolescentes que o necesitaron mentres as súas familias de orixe solucionan os problemas que lles impiden facerse cargo deles e elas.
Así mesmo, o ano pasado iniciáronse 75 novos acollementos e, nestes casos, o 73% dos menores acollidos tiñan menos de 6 anos. Este dato reflicte a importancia do acollemento para garantir contornas familiares estables desde as primeiras etapas da vida evitando o ingreso dos máis pequenos nun centro de protección. Outro dato importante é que 89 nenos, nenas e adolescentes finalizaron o seu acollemento e os motivos son diversos e van desde a reintegración familiar á adopción.
Buscamos máis familias acolledoras
Con todo, outros 73 menores aínda están á espera de acollemento na nosa comunidade autónoma, entre eles hai adolescentes, nenos con necesidades especiais e grupos de irmáns.
Isto significa que sempre hai casos aos que dar resposta polo que tamén é necesario ampliar a rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia, de maneira que cantas máis incorporacións haxa, máis posibilidades de contar coa alternativa idónea para cada neno ou nena. Actualmente esta rede está formada por 316 familias acolledoras e o seu papel é fundamental para garantir coidados seguros, afecto e estabilidade.
Por iso, desde Cruz Vermella facemos un chamamento á cidadanía para que se informe sobre o acollemento familiar e anímese a dar o paso. Calquera persoa, matrimonio ou parella de feito, con ou sen fillos, de calquera condición social, ideoloxía ou crenza pode ser familia acolledora. O primeiro é informarse e, posteriormente, aquelas persoas que estean realmente interesadas iniciarían o proceso de idoneidade.
Contamos con seis equipos territoriais na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Cruz Vermella céntrase nos acollementos en familia allea, é dicir, os acolledores e acolledoras son persoas que non teñen unha relación de parentesco cos menores. O obxectivo principal é protexer o dereito de todos os nenos, nenas e adolescentes a vivir e crecer nunha familia, como o mellor contexto para o seu crecemento persoal, a súa formación en valores sociais e as súas perspectivas de futuro.
Proximamente celebraranse 6 sesións informativas para dar a coñecer os detalles do programa entre as persoas interesadas. Estas charlas terán lugar nas sedes de Cruz Vermella nas seguintes localidades e datas:
-
Pontevedra → luns 23 de 17:00 a 19:00 h
-
A Coruña → martes 24 de 15:30 a 17:30 h
-
Santiago → martes 24 de 16:00 a 18:00 h
-
Lugo → martes 24 de 10:00 a 12:00 h
-
Ourense → martes 24 de 12:00 a 14:00 h
-
Vigo → martes 24 de 12:00 a 14:00 h
Máis información: www.acollementofamiliar.gal | 900 812 880 | WhatsApp 607 049 695