Impulsamos supermercados accesibles e amigables para as persoas maiores - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e Cruz Vermella reforzan o modelo de tenda inclusiva a favor das persoas maiores na rede de 79 establecementos Autoservizos Familia en Galicia, Asturias e Castela e León. Conségueno a través dunhas xornadas de sensibilización dos equipos de tendas baseadas nun ‘Decálogo de Boas Prácticas de Atención a Persoas Maiores’.
Cruz Vermella é a encargada de impartir e dinamizar unhas sesións formativas cuxa finalidade é combater o idadismo, que o persoal de atención en tenda comprenda mellor a diversidade e coñeza ben o decálogo. Foron deseñadas en base ao coñecemento da Organización no traballo con persoas maiores e aos resultados do estudo ‘A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia’ realizado pola Cátedra Cruz Vermella USC.
O Autoservizos Familia de Sigüeiro (A Coruña) acolleu hoxe o cuarto dos nove talleres que se impartirán en total. Estas sesións levarán a cabo en todos os territorios nos que Vegalsa-Eroski ten presenza, realizando seis en Galicia (A Coruña, Carballo, Vigo, Sigüeiro, Marín e Sada), unha en Castela e León, concretamente en Ponferrada, e as dúas últimas serán en Asturias (Oviedo e Avilés). Dáse así continuidade ao programa, despois da súa implantación en 2025 nos 92 Eroski Center de Galicia.
Experiencia inmersiva
Nos talleres formativos, os equipos de tenda participantes teñen a oportunidade de poñerse na pel de persoas maiores a través dun traxe adaptado para experimentar as principais patoloxías asociadas ao proceso de envellecemento, como son a perda de mobilidade e diminución de agudeza sensorial, e mesmo outras máis específicas como a hemiparesia ou a EPOC, entre outras. Co traxe posto, poden realizar unha compra completa, visitando distintas seccións como panadería, peixaría ou frutería e comprobar como estas patoloxías inflúen nunha actividade tan común como é a visita a un supermercado.
“Os supermercados de proximidade son espazos esenciais na vida cotiá de moitas persoas maiores. Por iso, promover unha atención libre de idadismo e formar aos equipos desde a experiencia directa é fundamental para contribuír a unha sociedade máis inclusiva. Este programa contribúe ademais a impulsar contornas comunitarias accesibles e amigables para as persoas maiores con patoloxías”, resaltou a responsable de proxectos da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo Otero.
Por outra banda, a representante da área de Cliente de Vegalsa-Eroski, Marta Santos destacou que: “En Vegalsa-Eroski seguimos traballando para que as nosas tendas sexan espazos próximos e inclusivos para todas as persoas. Tras o éxito da primeira edición en Eroski Center, decidimos estender o programa de formación á nosa rede de Autoservizos Familia para mellorar a atención aos nosos clientes de 65 anos e máis xunto a Cruz Vermella, unha entidade que coñece a fondo as necesidades do colectivo”.
Algúns das mensaxes que se recollen no decálogo e que se traballan nas sesións son a importancia de non xeneralizar, xa que non todas as persoas maiores están enfermas nin teñen achaques; de evitar o paternalismo; de non criticar, respectando as súas opinións e costumes; de ofrecer axuda e consello, pero permitindo que decidan por si mesmos; de empregar sempre unha escoita activa e explicar de diferentes formas, no caso de que non entendan.