• Contacto
  • Intranet
  • Identifícate
  • Sala de Prensa
  • FAI VOLUNTARIADO
  • FAITE SOCIO/A

Mellorar a accesibilidade e fomentar a conexión social, claves para perfeccionar a relación das persoas maiores e os supermercados de proximidade - Cruz Vermella

Nested Applications

Publicador de contidos

Mellorar a accesibilidade e fomentar a conexión social, claves para perfeccionar a relación das persoas maiores e os supermercados de proximidade
Presente
Noticias
Xuñ
20
2024
20 Xuño Mellorar a accesibilidade e fomentar a conexión social, claves para perfeccionar a relación das persoas maiores e os supermercados de proximidade

A sala OFF da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) acolleu esta mañá a presentación do estudo “O supermercado de proximidade. A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia”. Realizado pola Cátedra Cruz Vermella USC e Vegalsa-Eroski, esta publicación ten o obxectivo de valorar a experiencia de compra das persoas con 60 e máis anos, a atención que se realiza desde os supermercados de proximidade e a accesibilidade nos mesmos.

Más concretamente, e tal e como explicaron Onésimo Juncos Rabadán, co-director da Cátedra Cruz Vermella USC, e Trini de Lorenzo Otero, secretaria técnica da Cátedra Cruz Vermella USC, o estudo lanzou conclusións moi interesantes que servirán para fomentar as boas prácticas do persoal do supermercado de proximidade na atención ás persoas maiores consumidoras, así como identificar melloras en relación coa accesibilidade no establecemento, incrementando a satisfacción na experiencia de compra.

O acto de presentación estivo presidido por Arturo X. Pereiro Rozas, director da Cátedra Cruz Vermella USC; Gabriela González Márquez, directora de RSE, Comunicación e Cliente de Vegalsa-Eroski; Mercedes Casanova Díaz, presidenta de Cruz Vermella en Galicia; e Antonio Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia.

 

Principais resultados

O estudo “O supermercado de proximidade. A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia” é o primeiro que se realiza en Galicia e que permite extraer conclusións sobre dicha temática, pois ata o momento non se expuxo ningunha investigación que recollese tanto o punto de vista das persoas consumidoras sénior como das que traballan no sector dos supermercados de proximidade.

Neste sentido, o estudo realizouse cunha mostra de máis de 500 persoas participantes, que incluía a 293 con 60 e máis anos que acudiron a 38 supermercados de proximidade dos supermercados Eroski Center en Galicia (61,8% mulleres) e 259 integrantes do equipo desta insignia de Vegalsa-Eroski cun posto relacionado coa atención directa ao público/cliente. Mediante a realización de dúas enquisas diferenciadas para a selección de participantes, extraéronse as seguintes conclusións:

  • Ao analizar os hábitos de compra observouse que a frecuencia coa que acode a persoa ao supermercado para realizar as súas compras e a adquirir produtos frescos está asociada co número de habitantes da localidade de residencia: canta máis poboación ten a localidade de residencia, acódese con maior frecuencia ao supermercado de proximidade.

  • A satisfacción na experiencia de compra das persoas con 60 e máis anos en Galicia está determinada pola valoración do persoal (atención individualizada, amabilidade no trato, etc.) e do ambiente físico do establecemento de proximidade (confortabilidad, estética, mobiliario, iluminación, etc.). Ademais, o estudo revela que as experiencias positivas das persoas consumidoras de máis idade relaciónanse estreitamente coa conexión social, é dicir, coa interrelación que se ten coas persoas que nos rodean.

  • Aspectos relacionados coa ergonomía e a accesibilidade son os que máis dificultan na compra ás persoas maiores, desde o punto de vista do persoal dos supermercados de proximidade.

  • A solicitude de axuda adoita estar relacionada con aspectos referidos á accesibilidade como, por exemplo, a dificultade de comprensión de etiquetas, ofertas, cartelería etc. Así como na dificultade para atopar produtos nos andeis. Ademais, no proceso de caixa ponse de relevancia a solicitude para aspectos relacionados coa ergonomía (peso da compra, altura da cinta…) e cos medios tecnolóxicos e telemáticos.

  • Observáronse posibles melloras á hora de incrementar a accesibilidade e a usabilidade dos establecementos, como a adaptación auditiva das caixas e básculas, o incremento do tamaño da letra no ticket de compra ou a instalación de portas correderas nas cámaras frigoríficas.

As conclusións mencionadas han permitido á Cátedra Cruz Vermella USC realizar un decálogo de recomendacións que será implantado nos supermercados de proximidade Eroski Center Galicia e que inclúe, entre outros aspectos, crear un ambiente seguro e de confianza para as persoas maiores, falarlles con empatía e respecto, ou axudarlles se se desorientan utilizando unha comunicación clara e amigable.

Comparte este artículo: