“Enredando Tour” percorrerá 21 localidades galegas para promover a capacitación dixital das persoas maiores - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
A presentación do “Enredando Tour 2024” tivo lugar hoxe en Noia, localidade na que se realizaron os primeiros obradoiros desta edición cuxo principal obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos.
O vicepresidente de Cruz Vermella en Galicia, Andrés Ríos, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, e a responsable de proxectos da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo, foron as persoas encargadas de dar a coñecer os detalles e novidades desta iniciativa. Para promover a capacitación dixital dos participantes cóntase cunha furgoneta superequipada con todos os dispositivos necesarios (portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes...) e móntase un espazo formativo itinerante nun lugar céntrico de cada localidade para favorecer a participación das persoas maiores que viven nela. O tour arrancou esta mañá na Alameda de Noia e durante os meses de xullo, agosto e setembro recorrerá outras 20 localidades galegas.A iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas maiores non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por outra banda, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.
Esta actividade é froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella en Galicia, que se uniron por segundo ano para facer este tour e este programa formativo en competencias dixitais pola nosa comunidade autónoma.
Reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende Cruz Vermella en Galicia é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros.
Contidos e novidades
Os obradoiros son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e desenvolveranse polas mañás en horario de 10 a 14 horas. Neles ofrécense contidos formativos que faciliten o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. O máis importante é que o colectivo de maiores pérdalle o medo ás novas tecnoloxías e que desenvolva habilidades básicas para avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.
Ademais, nesta edición incorporáronse novos contidos para que os maiores tamén se familiaricen con aplicacións que empregan intelixencia artificial e con conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e a ciberseguridade, que serán en horario de tarde, de 17 a 18:30 horas.
Localidades e sorteos especiais
O roteiro empezou hoxe en Noia e continuará polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra facendo paradas nas seguintes localidades: Padrón, Corme, Curtis, Ponteceso, Castro de Rei, Becerreá, Samos, O Incio, Abadín, Chantada, Cartelle, O Irixo, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo, Monterrei, Marín, Moaña, A Estrada, Ponteareas e Mondariz.
En cada unha das localidades realizarase un sorteo especial dun portátil ou unha tableta entre os participantes dos talleres. As persoas interesadas nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da web enredando.gal.