“Cafés con cooperantes” contou con sete expertos que achegaron o mundo da cooperación internacional á poboación galega - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
“Cafés con cooperantes” é unha iniciativa que tenta achegar o mundo da cooperación internacional ao voluntariado e persoal técnico de Cruz Vermella, así como á poboación galega en xeral. Na edición 2023-2024 organizouse un ciclo de faladoiros con sete persoas do ámbito da cooperación, que desenvolveron ou desenvolven labores humanitarios en países en conflito ou en vías de desenvolvemento. A premisa é crear unha charla informal na que, ademais, compártese un café.
Os obxectivos desta iniciativa son varios: en primeiro lugar, falar da importancia da cooperación como ferramenta de axuda efectiva; en segundo lugar, dar a coñecer o labor de Cruz Vermella no ámbito da cooperación internacional e coñecer máis en detalle os proxectos que se están desenvolvendo en diferentes partes do mundo; por último, achegar a figura das persoas que desempeñan este tipo de labor.
En definitiva, é unha oportunidade para escoitar e aprender directamente das persoas expertas en cooperación e intercambiar experiencias e coñecementos con elas. Nesta edición asistiron máis de 150 persoas aos diferentes cafés que se celebraron en Ferrol, Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense.
Experiencia dos colaboradores
O primeiro faladoiro tivo lugar na sede de Afundación Abanca de Ferrol en novembro do ano pasado e contamos coa participación da xornalista e traballadora humanitaria Beatriz Garlaschi. Beatriz estivo en África, América Latina e Europa. Actualmente, traballa no programa de Asilo de Cruz Vermella Española.
En decembro de 2023 tivo lugar o segundo faladoiro, na sede de Cruz Vermella en Pontevedra, que contou coa participación da técnica da Unidade de Emerxencias de Cruz Vermella Española, Raquel Bernedo. Raquel é enxeñeira de Telecomunicacións e forma parte dos equipos das unidades de resposta a emerxencias de Telecomunicacións, Loxística e Saneamento masivo de Cruz Vermella Española. Estivo despregada con distintos roles en misións como a do terremoto de Nepal en 2015, a crise migratoria europea en Grecia en 2015 e 2016, o desprazamento de persoas en Bangladesh en 2017 ou a crise ucraína en Hungría en 2022.
En febreiro de 2024 realizáronse dous cafés, un a principios de mes e outro a final. O día 5 contouse coa presenza de Paula López-Abente, traballadora da área de Alianzas Estratéxicas e Institucionais en Cruz Vermella Española; ela encárgase de xestionar o financiamento da rede territorial para Cooperación Internacional. Esta sesión tivo lugar en Lugo.
Doutra banda, o 29 de febreiro na sede de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, tivo lugar a charla de Luis Pemán, consultor e experto en proxectos de cooperación internacional. Luis, foi delegado de Cooperación Internacional no Salvador durante cinco anos.
En abril o faladoiro tivo presenza internacional, xa que a relatora foi Audrey Okome, a responsable de Loxística da Cruz Vermella Gabonesa. O papel de Audrey é acompañar aos diferentes departamentos (saúde, prevención de riscos e catástrofes…) para a posta en marcha das súas actividades. Ademais, de ser a encargada da xestión do almacén e a disposición de materiais diversos. O faladoiro tivo lugar na sede de Vigo.
O penúltimo faladoiro tivo lugar na sede de Cruz Vermella na Coruña, o encargado de dar a sesión foi o actual secretario provincial de Cruz Vermella en Ourense, Javier Manteiga, quen traballou durante 25 anos como delegado de Cooperación Internacional en diferentes países do continente americano. Traballou como delegado internacional da Cruz Vermella Española e da Federación Internacional da Cruz Vermella, exercendo profesionalmente en postos de delegado de proxectos, administrador, coordinador de programas e xefe de delegación en países como Guatemala, Honduras, O Salvador, Panamá, Perú, Ecuador e Colombia.
A última charla do ciclo tivo lugar o 13 de xuño, na sede provincial de Ourense, e contamos coa presenza de Rubén Cano, actual xerente rexional de Operacións en Ucraína e países afectados da Federación Internacional de Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella. Rubén, liderou grandes operacións de acción humanitaria e xestión de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de fortalecemento institucional.
Estes faladoiros resultaron moi interesantes porque mediante o diálogo e as contribucións de cada persoa, creouse un ambiente enriquecedor que permite explorar diferentes experiencias nunha contorna próxima e acolledora.