• Contacto
  • Intranet
  • Identifícate
  • Sala de Prensa
  • FAI VOLUNTARIADO
  • FAITE SOCIO/A

Máis de 230 persoas participan en Lugo no XXIV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia - Cruz Vermella

Nested Applications

Publicador de contidos

Máis de 230 persoas participan en Lugo no XXIV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia
Presente
Noticias
Xuñ
29
2024
29 Xuño Máis de 230 persoas participan en Lugo no XXIV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia

O voluntariado é un dos piares fundamentais de Cruz Vermella e grazas á súa implicación e compromiso a Organización humanitaria pode levar a cabo moitos dos proxectos e actividades que realiza en Galicia. Co obxectivo de poñer en valor o seu labor, a cidade de Lugo acolleu este sábado 29 de xuño o XXIV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, coa presenza de máis de 230 voluntarios e voluntarias procedentes das asembleas provinciais, comarcais e locais das catro provincias galegas. 

Este Encontro celebrouse nas instalacións do centro sociocultural “O Vello Cárcere” e estivo presidido por Mercedes Casanova, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, e Luis Abelleira, presidente provincial de Cruz Vermella en Lugo. Xunto a eles estiveron presentes Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo; Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo; Pablo Rivera, deputado provincial da Deputación de Lugo, e Óscar Viñas. director territorial de Lugo da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Cruz Vermella realizou a entrega de recoñecementos ao voluntariado desta edición, concedendo un total de 15 diplomas de recoñecemento á acción voluntaria, un diploma de honra e seis medallas de Prata:

  • Medalla de Prata: Luis Antonio Sevilla García, José María Salcidos González, Marcos Moreira Reboredo, Evangelina Atienza Lobos, Benjamín Balboa Cereijo e a empresa Coren.

  • Diploma de Honra: empresa Cafés Candelas. 

  • Diploma de Recoñecemento á Acción Voluntaria: Mª Isabel Rancaño Pardo, José Manuel López Rodríguez, Mª Macarena Gómez Casas, Jesús Manchado Rivero, Mª Amalia Díaz Carnota, Hilario Moscoso Campo, Alba Prado Souto, Mª José Lemos Rivas, Victorino Pollán Fernández, Amparo Lage Marco, José Manuel San Juan Díaz, Martina Díaz Fernández, Teresa Valiña Rivas, Manuel Valcarcel Cabo, Alejandro Miragaya Álvarez.

O Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia é unha cita anual na que se recoñece o compromiso coa acción voluntaria, pero ademais serve para reflexionar sobre o seu papel na sociedade actual. Por este motivo, a xornada incluíu unha mesa redonda para falar de como Cruz Vermella está a traballar na área de medio ambiente e, máis concretamente, no relacionado cos incendios forestais e a reforestación do Monte Toca (Lugo), unha iniciativa incluída no proxecto +CO(mpensa)2 coa que a Organización humanitaria compensa a súa pegada de carbono a través de proxectos de reforestación forestal para a absorción destas emisións.

A reforestación implica ademais da recuperación de masa forestal, a mellora da biodiversidade e a calidade de vida das persoas, ademais de axudar a conseguir a neutralidade climática para o 2030. Nesta ocasión, a mesa redonda contou coa presenza de Marta Romero, responsable de Medio Ambiente de Cruz Vermella en Galicia, Mª José Lemos, voluntaria da área de Medio ambiente de Cruz Vermella en Lugo, e Manuel María López, referente de sensibilización do proxecto de reforestación do monte Toca.

Esta xornada contou tamén coa actuación do econarrador Anxo Moure, que puxo fin ao bloque de actividades da mañá deste Encontro de Voluntariado que permitiu compartir experiencias entre as persoas voluntarias da Organización e que participan activamente nas diferentes áreas e proxectos de Galicia. 

Xa pola tarde, o voluntariado tivo a ocasión de coñecer o centro histórico de Lugo, a través dunha visita guiada cultural a espazos de interese turístico da localidade. 

Comparte este artículo: