“Dedicar tempo aos demais é dedicarche tempo a ti mesmo” - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
O pasado mes de maio, Mercedes Casanova Díaz asumía o cargo de presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, tras máis de 30 anos vinculada á Organización Humanitaria. Voluntaria nos seus inicios en Cruz Vermella Xuventude na asemblea de Betanzos, Mercedes asumía o cargo tras o seu paso pola presidencia provincial da Coruña e sabendo que é un gran reto que requirirá un alto grao de compromiso e implicación. Entusiasta, positiva e amante do traballo en equipo, hoxe falamos con ela para coñecela e ver como afronta este proxecto.
Quen é Mercedes Casanova?
Son unha muller de 55 anos, nada e residente en Betanzos, con tres fillos e un traballo a xornada completa. Dedico o día a día ás miñas obrigacións profesionais e a estar coa miña familia, e a miña actividade voluntaria como presidenta ten que encaixar aí. Isto unhas veces conséguese coa xenerosidade e a comprensión das persoas que che rodean, outras cun pouco de sacrificio persoal pero, sobre todo, coa colaboración do voluntariado, ben en órganos directivos ou asumindo responsabilidades na actividade con apoio do persoal técnico. Son consciente de que asumir este reto nos órganos de dirección, xa desde os meus inicios, require unha dedicación e un esforzo, pero formar parte disto é moi gratificante para min, como o é para calquera persoa que realiza as súas horas nun proxecto concreto, xa sexa con nenos, nenas, adolescentes, maiores, migrantes etc.
Como comezaches a túa traxectoria como voluntaria e por que?
Eu coñecía a actividade de Cruz Vermella vinculada aos militares, ás ambulancias e á dimensión internacional porque xa naquel momento había conflitos e desastres humanitarios e naturais en todo o mundo. Pero eu o que quería era participar e construír unha sociedade mellor onde vivía. Así, a miña vinculación xorde no ano 1992 cando me incorporo como voluntaria de Cruz Vermella Xuventude na Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Betanzos. Empecei nun momento en que a Organización estaba dedicada ao transporte sanitario urxente, polo menos na sede na que eu participaba, e xunto a un grupo moi dinámico de voluntarios e voluntarias. A verdade é que conseguimos organizarnos e, grazas á estrutura de Cruz Vermella Xuventude que che permite planificar e desenvolver actividades dirixidas á infancia, comezamos a diversificar os proxectos da asemblea. Foi unha época moi bonita e enriquecedora para min, e a recordo con moito agarimo.
Unha vez que deixei de ter a idade para pertencer á sección xuvenil de Cruz Vermella, continuei participando nos órganos de goberno locais, realizando a miña actividade como voluntaria. Nun momento determinado teño a posibilidade de ser a presidenta comarcal e, a verdade, aceptei con moitísimo orgullo porque creo que no ámbito local é no que a Organización pode demostrar e despregar toda a súa actividade, demostrando exactamente como o que facemos ten o seu reflexo nas persoas que acoden a Cruz Vermella. Despois chegou a posibilidade de ser presidenta provincial durante oito anos e agora, desde o mes de maio, os meus compañeiros propuxéronme para a presidencia autonómica. Así pasaron 31 anos vinculada á Institución na que tiven a sorte de vivir todos os cambios que, como sociedade e como Organización, levamos vivindo durante estas tres décadas.
En que cambiou Cruz Vermella ao longo destas tres décadas?
A esencia segue sendo a mesma, que é estar preto das persoas que nun momento determinado necesitan un apoio, neste caso de Cruz Vermella. Con todo, creo que a Organización transformouse como o fixo a propia sociedade na que vivimos, e mesmo a miña visión, pois non é a mesma que cando cheguei con 22 anos a facer voluntariado. Ao longo de todo este tempo puxemos o foco e o tempo en infinidade de situacións que había que resolver, como as crises sociais e económicas ou a pandemia da Covid-19, seguimos pensando en mellorar e aprender dos erros e, en definitiva, creo que fomos evolucionando como Organización para, tamén, adiantarnos aos cambios.
Neste sentido, como definirías á Cruz Vermella actual?
Faríao baixo os sete principios fundamentais que nos guían en todo o que facemos e que dan sentido á nosa Organización e, sobre todo, baixo o principio da humanidade. Considero que ten que ser, dentro da importancia dos sete, o que guíe a nosa acción voluntaria individual e a acción de Cruz Vermella.
En que liñas estratéxicas poñeremos o foco nos próximos anos?
Os últimos anos creo que nos deixaron un pouso de incerteza e de certa inseguridade por ver a que nos tocará enfrontarnos. Estou segura de que chegarán desafíos e retos novos, así como problemas sociais, e haberá que facerlles fronte. E creo que desde Cruz Vermella temos a experiencia, a solidez e a forza para dar as respostas que sexan necesarias neses novos tempos.
Temos que lograr que as persoas poidan superar situacións agudas ou crónicas que poñen en perigo as súas vidas, apoiar a aquelas que están en risco de pobreza ou exclusión e achegar ao mercado laboral en transformación ás persoas que teñen máis difícil o acceso. Pero, tamén, mellorar a xestión da saúde de maneira integral, é dicir, mellorar o seu benestar físico, psíquico e social, así como garantir a igualdade real de oportunidades en materia de educación. Por último, non podemos esquecernos do medio ambiente, promovendo comportamentos máis sostibles coa contorna para minimizar a degradación ambiental e as súas consecuencias na sociedade.
Por que é importante o voluntariado na sociedade actual?
Facer voluntariado, cada un na medida da súa dispoñibilidade de tempo, é algo tremendamente gratificante que che dá moito máis do que ti entregas e que che proporciona unha visión da vida da que ás veces, pola rapidez coa que vivimos, nos abstraemos un pouco. Creo que facer voluntariado é unha parte importante para as nosas vidas, porque dedicar tempo aos demais é dedicarche tempo a ti mesmo.