Cruz Vermella recibe a Medalla de Prata ao Mérito de Protección Civil de Galicia - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
Cruz Vermella foi galardoada coa Medalla de Prata ao Mérito de Protección Civil de Galicia pola súa participación no dispositivo de emerxencia activado tras a Dana que afectou a Valencia en 2024.
O acto de entrega das Medallas ao mérito e os distintivos de permanencia de protección civil de Galicia correspondentes ao ano 2025 celebrouse este sábado 13 de decembro pola mañá no salón de actos da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada (Pontevedra).
A presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, recolleu a distinción en representación da nosa Organización, e estivo acompañada por catro persoas voluntarias, unha por cada provincia galega: Jose Manuel Iglesias González (A Coruña); Alberto Agrafojo Vázquez (Lugo); María del Mar Álvarez Paradela (Ourense) y Miriam Barros Brito (Pontevedra). Para Cruz Vermella, este é un importante recoñecemento que pon en valor o traballo de todas as persoas que interviñeron durante a emerxencia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, agradeceu o esforzo “en equipo” de todos os efectivos, especialmente en episodios recentes como a vaga de incendios do pasado verán ou a dana de Valencia. En total, concedéronse 53 medallas de prata a voluntarios e profesionais que participaron no dispositivo coordinado pola Xunta. Rueda estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Con estes galardóns, a Xunta recoñece o labor destacado de persoas e agrupacións como garantes dunha atención eficaz en emerxencias e o seu compromiso co servizo público en Galicia.
Plan de resposta a 3 anos
Pola súa banda, Cruz Vermella Española fixo balance da súa intervención na dana de Valencia, ao cumprirse un ano do desastre: máis de 143.000 persoas atendidas e 61,5 millóns de euros executados.
Cruz Vermella activou un Plan de Resposta a tres anos, cun obxectivo claro: non deixar a ninguén atrás e acompañar ás persoas na reconstrución das súas vidas. Nos primeiros días, a prioridade foi atender necesidades básicas e garantir a seguridade das persoas. Desde entón puidéronse canalizar diferentes recursos e accións, que van desde a entrega de axudas económicas á rehabilitación de vivendas ou o coidado do benestar emocional das persoas afectadas.