• Contacto
  • Intranet
  • Identifícate
  • Sala de Prensa
  • FAI VOLUNTARIADO
  • FAITE SOCIO/A

Arrinca Enredando Tour “Amtega” co obxectivo de reducir a fenda dixital en zonas rurais - Cruz Vermella

Nested Applications

Publicador de contidos

Arrinca Enredando Tour “Amtega” co obxectivo de reducir a fenda dixital en zonas rurais
Presente
Noticias
Xuñ
04
2026
04 Xuño Arrinca Enredando Tour “Amtega” co obxectivo de reducir a fenda dixital en zonas rurais

Reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos son os obxectivos principais de Enredando tour “Amtega”, unha iniciativa de Cruz Vermella en Galicia que se desenvolve en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A edición de 2026 arrinca na provincia de Ourense e nas próximas semanas percorrerá outras 19 localidades galegas.

A primeira parada tivo lugar hoxe 4 de xuño en Vilar do Barrio, onde se montou un espazo formativo itinerante con diferentes dispositivos como ordenadores, tablets, móbiles, altofalantes intelixentes ou lentes de realidade virtual. O equipo de Cruz Vermella, formado por persoal especializado e voluntariado, tiña todo listo para recibir ás persoas maiores desta localidade que se achegaron á praza do Toural para aprender máis sobre o uso das tecnoloxías. 

As seguintes paradas previstas na provincia de Ourense son o 11 de xuño en Riós, o 12 en Vilardevós e o 16 pola mañá na Teixeira e pola tarde en Montederramo. Posteriormente, o tour chegará ás provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo.

Alén da capacitación dixital, esta iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas maiores desfruten das vantaxes das tecnoloxías e non queden á marxe e, por outra banda, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.

Os contidos dos talleres centraranse en:

  • Tecnoloxías. Para saber que é a realidade virtual e a intelixencia artificial.

  • Aplicacións útiles. Para aprender a utilizar a banca electrónica e facer compras en liña.

  • Seguridade na Rede. Para coñecer máis sobre ciberseguridade e poder detectar posibles fraudes.

 

Asesoramento

As persoas interesadas nas actividades de Enredando Tour “Amtega” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da web enredando.gal

Esta acción enmárcase dentro do proxecto Enredando, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros. A súa finalidade é reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende Cruz Vermella en Galicia.

Comparte este artículo: