Máis de 600 persoas participan na primeira Feira de Emprego de Cruz Roja en Galicia - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
A primeira Feira de Emprego organizada por Cruz Roja en Galicia celebrouse onte en Vigo e con ela ponse o foco na igualdade de oportunidades e no valor do talento para seguir derrubando barreiras de acceso ao mercado laboral. Cruz Vermella leva máis de vinte e cinco anos traballando no ámbito do emprego e desenvolvendo diferentes proxectos para acompañar ás persoas con máis dificultades.
“Unindo talento” é o lema baixo o que desenvolveu esta iniciativa no Auditorio Mar de Vigo. Estiveron presentes máis de 30 empresas e participaron máis de 600 persoas que apostaron por achegarse e por mellorar a súa empregabilidade. Así se cumpriu o obxectivo da feira: conectar o talento das persoas que están á busca activa de emprego coas necesidades reais de contratación das empresas.
A feira comezou cun acto de inauguración no que interviñeron Purificación Serrano, vicepresidenta de Cruz Roja en Galicia e presidenta de Cruz Roja en Vigo; Yolanda Aguiar, concelleira de Benestar social do Concello de Vigo; Carmen Isasi, coordinadora autonómica de Emprego de Cruz Roja en Galicia, e Javier Martínez, conselleiro da empresa tecnolóxica Possible e profesor da Universidade de Vigo. Todos coincidiron na importancia desta feira para favorecer o acceso a empregos máis estables e de calidade así como para apostar pola cualificación dixital como vía para mellorar a empregabilidade dos que parten dunha situación máis vulnerable.
Os dous talleres de intelixencia artificial aplicada á busca de emprego foron unha parte clave dentro do programa desta feira xa que resultaron de gran utilidade para mostrar aos participantes diversas ferramentas coas que optimizar os seus perfís profesionais. Javier Martínez foi o encargado de impartir estes talleres ante máis de 400 persoas. Deste xeito, Cruz Roja segue facendo unha aposta firme por incorporar o compoñente tecnolóxico e de innovación nas súas iniciativas da área de emprego, algo que actualmente é fundamental para ter máis opcións no mercado laboral.
En horario de 10 a 14 horas, as persoas interesadas tiveron ocasión de achegarse aos stands das empresas, interactuar directamente cos responsables de selección de persoal e mesmo realizar entrevistas. Por outra banda, había espazos centrados na orientación laboral, onde o equipo técnico de Cruz Roja daba consellos para entrevistas rápidas, revisión de currículos e asesoramento sociolaboral personalizado para que cada asistente potencie a súa empregabilidade.
Sectores e empresas
Algúns dos sectores que estiveron representados, entre outros, foron: coidados sociosanitarios, cadeas de supermercados, hostalería ou servizos de limpeza, así como empresas de traballo temporal (ETT). Esta diversidade favoreceu que persoas con diferentes perfís -desde cualificacións básicas ata medias e técnicas- puidesen atopar algunha oferta que encaixase coa súa traxectoria profesional, facilitando procesos de captación directa e optimizando o tempo de resposta entre a oferta e a demanda.
A relación das principais empresas participantes é a seguinte: Alcampo, Apetéceme, Aramark, Benteler, Clece, Día, Elis, Emera, Eulen, Eurobanan, Eurofirms, Froiz, Fundación Laboral da Construción, Gadis, GI Group, Grupo Probiser, Iberconsa, Idades, Iman, Integra, Intercentros Ballesol, McDonald´s, Nortempo, Serveo, Temporing, Triangle Solutions e Vegalsa-Eroski. A súa colaboración foi fundamental para poder cumprir os obxectivos deste evento.
Esta Feira de Emprego enmárcase dentro de Plan de Emprego de Cruz Roja e supón un importante paso na traxectoria da Organización como unha entidade consolidada no acompañamento das persoas máis afastadas do mercado laboral en Galicia.
Esta iniciativa de Cruz Roja está cofinanciada polo fondo Social Europeo Plus (FSE+) con cargo ao Programa Estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra A Pobreza (CCI: 2021ES05SFPR003).