Cruz Vermella impulsa o debate sobre a remuda xeracional no mercado laboral galego co evento “ConectaLab” - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
Cruz Vermella celebrou por primeira vez en Ourense unha nova edición de “ConectaLab”, un espazo de encontro para a análise e a reflexión sobre os retos actuais en materia de emprego. Nesta ocasión, a xornada centrouse nun tema clave: a remuda xeracional e o mercado de traballo e púxose o foco de xeito especial no ámbito rural.
Este evento, que tivo lugar no Centro Cultural Anxo Valente este mércores 10 de xuño, reuniu a expertos e axentes do tecido empresarial para analizar desafíos e oportunidades. Preparouse un programa moi completo, que se desenvolveu en horario de 10 a 13 horas e que constou de tres bloques: contextualización, debate e experiencias innovadoras. O peche correu a cargo de Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense.
O escenario sobre o que viraron as intervencións e a procura de solucións partía de dúas situacións que conviven actualmente. Por unha banda, existen sectores e actividades con grandes dificultades para atopar e garantir a sucesión. A remuda xeracional converteuse nun dos grandes desafíos para centos de empresas, especialmente as familiares, que durante décadas foron piares económicos e sociais nas súas comunidades e hoxe enfróntanse a unha realidade preocupante: non hai quen os continúe. Isto supón perda de empregos, patrimonio e cultura empresarial.
Por outra banda, xorden novos proxectos desde o emprendemento, a innovación e o arraigamento ao territorio, que demostran que a remuda xeracional tamén pode ser unha oportunidade para reinventar o modelo produtivo. Estas iniciativas combinan coñecemento tradicional con novas ferramentas, tecnoloxías e enfoques de mercado. Deste xeito xeran emprego, fixando poboación e poñendo en valor os recursos locais e isto contribúe a revitalizar o tecido económico e social do rural galego.
Retos e oportunidades
A xornada arrincou cunha contextualización inicial sobre a remuda xeracional e o mercado de traballo en Galicia, a cargo de dous expertos do ámbito académico. Interviñeron Melchor Fernández, catedrático de Economía na Universidade de Santiago de Compostela e doutor pola Universitat Autònoma de Barcelona, e Alberto Vaquero, profesor titular da Universidade de Vigo e investigador vinculado a ECOBAS XENE e GEM Galicia.
A continuación, houbo unha mesa de debate centrada nos retos e oportunidades da remuda xeracional en Galicia, na que participaron Carmen Orgeira, subdirectora xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Xunta de Galicia; Severino González, xerente da Agrupación industrial da Lousa de Galicia; José Manuel Díaz, tesoureiro da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos (AEPA) de Ourense; e novamente Melchor Fernández.
O programa incluíu tamén un bloque dedicado a experiencias innovadoras, no que se deron a coñecer casos reais que están a contribuír á xeración de oportunidades laborais na contorna rural galego. Interviñeron e compartiron boas prácticas: Mónica Lema, de Cruz Vermella en Lugo, quen presentou o proxecto “Muxindo ou futuro”; Mónica Requeijo, impulsora da plataforma Vacantes.gal; Cristina Díaz, da Escola de Pastoreo OVICA, e Agustín Vázquez, de Olería Agustín.
Análise de tendencias
Os evento “ConectaLab” enmárcanse dentro do Plan de Emprego de Cruz Roja e son unha aposta por xerar foros de discusión e análise de tendencias no mercado laboral. Ter este coñecemento resulta de gran utilidade para favorecer a empregabilidade e poder apoiar e acompañar ás persoas coas que traballa Cruz Roja, que son as máis afastadas do mercado laboral en Galicia.
Esta iniciativa de Cruz Roja está cofinanciada polo fondo Social Europeo Plus (FSE+) con cargo ao Programa Estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra A Pobreza (CCI: 2021ES05SFPR003).