Vigo acollerá a Feira de Emprego “Unindo talento” para impulsar oportunidades de acceso ao mercado laboral - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
Cruz Vermella organiza, por primeira vez en Galicia, unha feira de emprego co obxectivo de desenvolver novas accións que contribúan a derrubar as barreiras de acceso ao mercado laboral -especialmente para aquelas persoas que se atopan máis afastadas-, poñendo o foco na igualdade de oportunidades e no valor do talento.
Precisamente o lema escollido para este evento, que se celebrará en Vigo o próximo 19 de maio, é “Unindo talento”, porque do que se trata é de conectar o talento de persoas que están á busca activa de emprego coas necesidades reais de contratación das empresas presentes na feira. As persoas interesadas poden achegarse ao Auditorio Mar de Vigo en horario de 10 a 14 horas e interactuar directamente cos responsables de selección das empresas.
Algúns dos sectores que estarán representados, entre outros, son: coidados sociosanitarios, cadeas de supermercados, hostalería ou servizos de limpeza, así como empresas de traballo temporal (ETT). Esta diversidade asegura que persoas con diferentes perfís -desde cualificacións básicas ata medias e técnicas- poidan atopar unha oferta que encaixe coa súa traxectoria profesional, facilitando procesos de captación directa e optimizando o tempo de resposta entre a oferta e a demanda.
Intelixencia artificial e orientación laboral
Por outra banda, no programa da feira integrouse o compoñente tecnolóxico e de innovación, que actualmente é fundamental para ter máis opcións no mercado laboral. Por iso, haberá talleres de Intelixencia Articial aplicada á procura de emprego nos que se ensinará aos participantes ferramentas para optimizar os seus perfís profesionais. Estes talleres serán impartidos por Javier Martínez, conselleiro da empresa tecnolóxica Possible e profesor da Universidade de Vigo.
Esta feira dispoñerá tamén de espazos de asesoramento personalizado centrados na orientación laboral, onde o equipo técnico de Cruz Vermella ofrecerá consellos para entrevistas rápidas e asesoramento sociolaboral a medida para que cada asistente potencie a súa empregabilidade durante a mañá. Tamén se dará apoio para a revisión de currículos (CV), algo moi importante xa que é a carta de presentación para as empresas.
A entrada á feira e aos talleres é libre e gratuíta para os participantes pero é aconsellable realizar unha preinscrición.
Plan de Emprego
Cruz Vermella leva máis de 25 anos traballando no ámbito do emprego e dispón dun Plan de Emprego con diferentes proxectos a través dos que apoia a mozos, persoas maiores de 45 anos, mulleres que estiveron tempo sen emprego, desempregados de longa duración, persoas inmigrantes e refuxiadas. En 2025, máis de 2.500 persoas atoparon un posto de traballo en Galicia da man de Cruz Roja.
Esta iniciativa está cofinanciada polo fondo Social Europeo Plus (FSE+) con cargo ao Programa Estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra A Pobreza (CCI: 2021ES05SFPR003).
Importante
Para facer a preinscrición: formulario
Para máis información: galicia@cruzroja.es