• Contacto
  • Intranet
  • Identifícate
  • Sala de Prensa
  • FAI VOLUNTARIADO
  • FAITE SOCIO/A

O Sorteo de Ouro amplía os seus premios para chegar a máis persoas - Cruz Vermella

Nested Applications

Publicador de contidos

O Sorteo de Ouro amplía os seus premios para chegar a máis persoas
Presente
Noticias
Abr
22
2026
22 Abril O Sorteo de Ouro amplía os seus premios para chegar a máis persoas

Arrinca a nova edición do Sorteo de Ouro de Cruz Vermella co lema O que facemos polas persoas vale ouro. A iniciativa mantén a súa esencia solidaria e incorpora algunhas novidades. Por unha banda, amplía o seu alcance con máis premios e, por outra banda, inclúe no deseño dos boletos imaxes reais de persoas voluntarias.

Este sorteo ten máis de 47 anos de historia e este ano celebrarase en Granada o 23 de xullo. A súa recadación impulsa a capacidade de Cruz Vermella de actuar ante as grandes emerxencias, pero tamén nas situacións cotiás do día a día que poden afectar a persoas da nosa contorna máis próxima.

Cruz Vermella está presente en cidades e vilas de Galicia e de toda España con máis de mil puntos de actividade desde os que traballamos cada día para mellorar a vida das persoas que máis o necesitan.

 

Transformar vidas

Tras varias edicións utilizando ilustracións para mostrar nos boletos parte do labor de Cruz Vermella, en 2026 incorpóranse fotografías de persoas como eixo visual da campaña, evolución que responde a un compromiso esencial para a Organización: as persoas están no centro.

E como cada ano, quixéronse reflectir 10 das múltiples accións que Cruz Vermella desenvolve a diario, nesta edición representadas a través de persoas voluntarias vinculadas aos proxectos. A súa presenza achega proximidade, mostrando ademais que o verdadeiro valor do ouro reside na súa capacidade para transformar vidas.

 

Máis de 7 millóns en premios

O Sorteo de Ouro repartirá 23.400 premios que superarán os 7 millóns de euros (ou o seu contravalor en ouro). Por tan só os 6 € que custa un boleto, poden tocar 3 millóns de euros do primeiro premio; 1 millón de euros do segundo premio; 500.000 euros do terceiro premio; 250.000 euros de cada un dos tres cuartos premios; e 100.000 euros de cada un dos tres quintos premios.

Tamén terán premio todos os números iguais aos anteriores con diferente serie e as 4 últimas cifras de todos os premios. E como novidade, este ano tamén obterán premio de 12 € os boletos cuxas tres últimas cifras coincidan co primeiro premio. Esta medida aumenta as posibilidades de premio para a cidadanía.

Sumarse a esta iniciativa adquirindo un boleto é doado, xa que se poden atopar en miles de establecementos e empresas colaboradoras. Tamén se poden comprar na rúa, a través dos múltiples equipos de vendas despregados por todo o territorio, ou desde casa, accedendo ao seguinte enlace.

Comparte este artículo: