Máis de 70 persoas participan na xornada “Tecnoloxía inclusiva contra a soidade” - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
Hoxe celebramos a Xornada técnica “Tecnoloxía inclusiva contra a soidade” na que participaron máis de 70 expertos e profesionais de distintas disciplinas para reflexionar sobre unha cuestión clave: Pode a tecnoloxía colaborar no fortalecemento dos vínculos humanos? A Cidade das TIC acolleu este foro de reflexión e encontro que virou ao redor de dous grandes temáticas: a soidade non desexada e o papel de solucións tecnolóxicas innovadoras para paliala.
Hai moitas persoas que senten soas e ás que lles faltan vínculos e apoios. Vémolo a diario. E queremos facer todo o posible para que saian desa situación de soidade non desexada. Por iso, desde Cruz Vermella traballamos en diferentes liñas e contamos con distintos proxectos enfocados a acompañar ás que están máis illadas. E desde hai un tempo, incorporamos a tecnoloxía como unha ferramenta de apoio.
O obxectivo desta xornada organizada por Cruz Vermella en Galicia foi poñer encima da mesa diferentes enfoques, reflexionar sobre eles, abrir o diálogo e sacar conclusións. Para abordar o problema da soidade non desexada, avanzar e expor solucións útiles é importante a implicación de toda a sociedade, por iso participaron representantes do ámbito empresarial e tecnolóxico, do académico, da administración e de entidades do terceiro sector.
A inauguración estivo presidida por Mercedes Casanova, presidenta de Cruz Vermella en Galicia, e por Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria. Durante a mañá tiveron lugar dúas conversacións abertas que trataron sobre tecnoloxía ao servizo do vínculo comunitario e, por outra banda, sobre solucións intelixentes para retos humanos. Nestes espazos de diálogo participaron representantes de Casual Robots, NTT Data, Alexa, Carelife Solutions de Televés, Universidade da Coruña e Universidade de Santiago, que estiveron moderados por Satur Torre, directora da Fundación Cruz Roja Española.
O programa incluíu un café experiencial no que se realizaron demostracións con robots humanoides e robots sociais cos que as persoas asistentes á xornada tamén interactuaron. Deste xeito, puideron coñecer de primeira man como estas solucións tecnolóxicas están a empezar a aplicarse en ámbitos como o acompañamento, os coidados, a promoción do benestar ou a prevención de situacións de soidade.
Por outra banda, compartíronse experiencias de innovación social como a de “Voces en Rede”, unha iniciativa de Cruz Vermella en colaboración coa Fundación Amancio Ortega. Este proxecto axunta a tecnoloxía co apoio do voluntariado e facilita a conectividade das persoas maiores mediante a introdución de asistentes de voz nos seus fogares e unha rede de acompañamento presencial.
Conclusións
Algunhas conclusións e consideracións que se extraeron durante a xornada son as seguintes:
- É importante explorar, cun enfoque innovador, como a tecnoloxía, a intelixencia artificial, a robótica social e outras ferramentas dixitais poden contribuír a fortalecer un modelo de atención centrado nas persoas e no valor insubstituíble das relacións humanas e comunitarias.
- É fundamental que atopemos a fórmula para utilizar a tecnoloxía con perspectiva humanitaria, ética e responsable. Non queremos que a tecnoloxía agrave as desigualdades, senón que sexa parte da solución. E neste sentido é crucial equilibrar o potencial positivo da tecnoloxía cos riscos e desafíos que expón.
- A tecnoloxía inclusiva pode desempeñar un papel como complemento da atención humana, contribuíndo a reforzar os vínculos comunitarios e a previr situacións de illamento e soidade non desexada.
Centro Multicanle de Acompañamento na Soidade
Esta xornada forma parte dun proxecto máis amplo que desenvolve Cruz Vermella en Galicia, trátase do Centro Multicanle de Acompañamento na Soidade, que se enmarca á súa vez na Estratexia Galega contra a Soledad non Desexada da Xunta de Galicia.
A finalidade principal do citado Centro é reducir as situacións de soidade en persoas de 65 e máis anos en Galicia mediante a detección e atención inicial das situacións de soidade, favorecendo o acompañamento telefónico con carácter psicosocial, o envellecemento saudable e a mellora da calidade de vida.
Este proxecto está impulsado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e está financiado con fondos NextGenerationEU da Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Gobierno de España.