Cruz Vermella atende a máis de 8.500 peregrinos con “Contigo no Camiño” - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
Fixemos balance de “Contigo no Camiño”, un dispositivo especial de atención que se realiza directamente nos tramos do Camiño Francés que pasan por Galicia. Un dos datos máis significativos da edición de 2026, que é a sexta, é que a cifra total de atencións supera as 8.500. Isto tradúcese na súa capacidade de apoiar e acompañar aos peregrinos e peregrinas que o necesitan, converténdose nun recurso de referencia na ruta xacobea.
O acto de peche do operativo celebrouse esta mañá no Monte do Gozo (Santiago) coas intervencións da presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a coordinadora do dispositivo “Contigo no Camiño”, Nerea Álvarez. Asistiron ao acto tamén outras autoridades, así como un grupo de socorristas e voluntariado en representación de todo o equipo que estivo traballando durante este verán.
Proporcionar unha atención global aos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago é o obxectivo principal do dispositivo, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia así como da Fundación Eroski e Vegalsa-Eroski, sen cuxo apoio non sería posible.
Tipos de atencións e recursos
“Contigo no Camiño” cobre as etapas que van desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela e, polas súas características, permite actuar ante calquera incidencia. Desde que se puxo en marcha o 13 de xullo, máis de 2.320 persoas recibiron asistencia sanitaria, a maioría delas debidas a dores musculares, ampolas ou picaduras.
Doutra banda, realizáronse atencións non sanitarias, é dicir, hai máis de 6.250 persoas ás que se lles proporcionou apoio e axudóuselles coa resolución de consultas xerais, sanitarias, culturais ou de aloxamento, entre outras.
Contamos con diferentes tipos de recursos. Por unha banda, unidades móbiles en bicicleta, que están xeolocalizadas, portan desfibriladores e caixas de primeiros auxilios e percorreron máis de 8.900 quilómetros durante estes meses. Por outra banda, hai un posto fixo de atención de primeiros auxilios situado en Portomarín, a través do que se reforza a cobertura ao tratarse dun sitio de moita afluencia de peregrinos. Ademais, hai varios vehículos para labores de coordinación e loxística. Todo estará a funcionar ata o 25 de setembro, día no que se dará por finalizado o dispositivo.