• Contacto
  • Intranet
  • Identifícate
  • Sala de Prensa
  • FAI VOLUNTARIADO
  • FAITE SOCIO/A

‘Enredando Tour Amtega’ percorrerá unha vintena de localidades galegas para contribuír á mellora da autonomía dixital na sociedade - Cruz Vermella

Nested Applications

Publicador de contidos

‘Enredando Tour Amtega’ percorrerá unha vintena de localidades galegas para contribuír á mellora da autonomía dixital na sociedade
Presente
Noticias
Xuñ
18
2025
18 Xuño ‘Enredando Tour Amtega’ percorrerá unha vintena de localidades galegas para contribuír á mellora da autonomía dixital na sociedade

A redución da fenda dixital en persoas de máis de 55 anos protagoniza de novo o circuíto máis dixital de Galicia. ‘Enredando Tour Amtega’ arrinca por terceiro ano consecutivo grazas á colaboración entre Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos López-Prado, a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova Díaz, e o director da Amtega, Julián Cerviño Iglesia, foron as persoas encargadas de dar a coñecer os detalles e novidades da iniciativa que, desde 2021, leva percorridos preto de 2.000 quilómetros dixitais ao ano proporcionando ferramentas para o uso das tecnoloxías desde unha aula móbil a bordo dunha furgoneta equipada con todo o necesario para acurtar a fenda dixital. 

“Para promover a capacitación dixital das persoas participantes nos talleres contamos cunha furgoneta equipada con todos os dispositivos necesarios, como ordenadores portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes ou mesmo lentes de realidade virtual, e montamos un espazo formativo itinerante nun lugar céntrico de cada localidade”, explica a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia. 

A iniciativa cumpre así dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas de máis de 55 anos non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por outra, que o feito de vivir en zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.  

 

Contidos e novidades 

Os talleres son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e desenvólvense en horario de 10 a 14 horas ao longo das diferentes escalas que se realizan no roteiro polas catro provincias galegas.

Os contidos formativos facilitan o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da vida cotiá. O fundamental, lembra Casanova, é que o colectivo “perda o medo ás tecnoloxías e desenvolva habilidades básicas ao familiarizarse con aplicacións que empregan intelixencia artificial ou conceptos como a realidade inmersiva”. 

Ademais das sesións específicas ao redor da banca dixital e a ciberseguridade postas en marcha no circuíto de 2025, este ano os e as participantes poderán realizar talleres directamente relacionados coa procura ou mellora de emprego a través de contornas dixitais.  

 

Localidades do circuíto 2025

Con saída desde Silleda, Enredando realiza escala en Forcarei, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Barbadás, Ourense, A Rúa, Celanova, Carballiño, Cabana de Bergantiños, Tordoia, Trazo, Frades, Boiro, Vilalba, Guntín, Mondoñedo, Ribadeo e Foz.  

Comparte este artículo: