Cruz Vermella mobilízase ante os lumes en Galicia - Cruz Vermella
Nested Applications
Publicador de contidos
A provincia de Ourense está a sufrir a máis devastadora vaga de lumes da súa historia, polo que desde o primeiro momento Cruz Vermella, como auxiliar das administracións públicas, puxo todos os seus medios materiais e humanos ao dispor da emerxencia para a protección das persoas, baixo o mando do 112 e en coordinación co resto de axentes como Protección Civil, a Garda Civil, ou o 061.
Cronoloxicamente, é o martes 12 de agosto cando ten lugar a primeira intervención de Cruz Vermella e mobilízanse equipos a Manzaneda e A Mezquita:
-
2 ambulancias de Soporte Vital Básico para emerxencias, que realizaron intervencións a petición do 061.
-
1 vehículo de Transporte Adaptado axudou na evacuación e traslado de persoas da residencia de maiores da Mezquita, que foron trasladadas a Arnoia.
-
Apoio aos servizos de extinción de incendios en Seixalbo (Ourense), coa entrega de auga e barritas enerxéticas aos intervintes alí despregados.
O mércores 13 de agosto Cruz Vermella participou no traslado de 25 persoas con mobilidade reducida da residencia de maiores de Chandrexa de Queixa, ata a residencia San José de Ourense, como medida de prevención ante os lumes na zona. Este dispositivo contou cun equipo de 17 persoas, entre voluntariado de socorros e emerxencias e persoal técnico, e o despregamento de 2 ambulancias de Soporte Vital Básico, 1 vehículo de transporte adaptado, 10 vehículos turismos e un vehículo furgón de apoio loxístico.
Esa mesma noite do 13 de agosto, ante a posible evacuación de persoas afectadas polos incendios en Monterrei, montouse un albergue provisional en Verín. Para iso, un equipo de 17 persoas, entre persoal voluntario e técnico, puxo en marcha un dispositivo que despregou 1 ambulancia, 1 vehículo de intervención rápida 4x4, 1 vehículo de transporte adaptado, 2 vehículos de loxística, e 5 vehículos de 5 prazas.
O venres 15 de agosto a Asemblea Provincial de Cruz Vermella en Ourense acolle a base de operacións desde onde se preparan os equipos pre alertados para actuar en caso de ser necesario. Enviouse a Valdeorras un dispositivo con capacidade para montar albergue para 50 persoas, coas súas correspondentes camas, mantas e kits de hixiene, pola previsión de posibles evacuacións polos lumes na comarca. O resto do equipo, esa tarde conformado por 35 persoas das 4 provincias galegas, mantense en Ourense dispoñible ante posibles actuacións, traslados ou montaxe de albergues na comarca de Monterrei. Ademais, recíbese equipamento procedente de País Vasco, Cantabria e Madrid.
O domingo 17 de agosto leváronse de novo a Chandrexa de Queixa ás persoas maiores desprazadas, que desde o pasado mércores estaban na residencia San José de Ourense. Para trasladar ás 25 persoas, todas elas con mobilidade reducida, coordinouse un dispositivo de 7 vehículos de transporte adaptado: 3 da provincia da Coruña (Noia e A Coruña), 2 da provincia Lugo (Vilalba), 1 de Pontevedra, e 1 de Ourense. O equipo completouse cunha ambulancia de Soporte Vital Básico e un vehículo furgón de apoio. En total, 24 persoas voluntarias e persoal técnico participaron no operativo.
Xa pola tarde, e en colaboración coa Unidade Militar de Emerxencias (UME), Cruz Vermella realiza a distribución de auga na comarca de Valdeorras, concretamente nos municipios de Petín, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras. Un labor que previsiblemente se manterá nos vindeiros días, mentres que paralelamente segue en prealerta ante calquera intervención que se lle poida requirir.