Empleo: lo que la pandemia no se llevó - Ahora
Nested Applications
Empleo: lo que la pandemia no se llevó
EMPREGO: O QUE A PANDEMIA NON LEVOU
tabla cont empleo en pandemia
Cruz Roja
Banner Compártelo Reportaje Pequeño
parte 1 empleo en tiempos de covid
Celnairet Moreno ten 28 anos e vén de Venezuela. Chegou a Ourense en agosto de 2019 e, case desde o principio, contou co apoio de Cruz Vermella para os trámites burocráticos, entre os que se incluía a homologación dos seus estudos. É médica, pero o seu título aínda non lle permitía exercer en España. Con todo, co estalido da pandemia da covid-19, o persoal sanitario fíxose máis necesario que nunca, e así foi como Celnairet acabou traballando nunha residencia de maiores da Xunta de Galicia. «En todo este proceso, sentinme acompañada por Cruz Vermella, desde onde me chamaban para facer seguimento e me animaban a seguir cos cursos de formación», relata. Así que si: a crise sanitaria tamén representou unha oportunidade para quen se dedica a sectores estratéxicos onde a demanda de emprego se incrementou.
Algo similar viviu Alexandra Salazar, de orixe colombiana, quen leva 13 anos en España e quedou sen traballo ao comezar o confinamento. No medio da dificultade, acudiu a Cruz Vermella para solicitar axuda. Desde a organización convidámola a reorientarse profesionalmente, completou o curso de Limpeza Industrial Covid-19, o que lle proporcionou traballo nunha empresa de León. Máis tarde, tamén se formou no coidado de persoas maiores para exercer como auxiliar de xeriatría nunha residencia. «Creo que en circunstancias negativas da vida hai que mirar cara adiante. Poñer esforzo e sacrificio, pero tamén deixarnos orientar e axudar», aconsella Alexandra. No seu caso, foi decisivo escoitar o persoal técnico de Cruz Vermella que, coa pandemia, centrou os seus esforzos en analizar o novo escenario laboral e asesorar adecuadamente na procura de emprego.
Porque si, o mundo cambiou e, á súa vez, o mercado laboral. Ámbitos onde tradicionalmente houbo oportunidades de traballo, como o sector servizos, sufriron especialmente as consecuencias da destrución de emprego pola crise. Ata un 70 % no caso da hostalería. Pola contra, o persoal sanitario e de coidados, que outrora se enfrontaba á escaseza de vacantes e a salarios precarios, agora son esenciais. E isto ábrelles as portas ás persoas que sempre soñaron con traballar no sector da enfermería. Outros sectores primarios, como o da produción, a distribución ou a fabricación, representan tamén unha oportunidade para quen está buscando un emprego. Por último, é máis importante que nunca, formarse en competencias dixitais e eliminar a brecha tecnolóxica que deriva en desigualdade social.
parte 2 empleo en tiempos de covid
O Plan de emprego analiza sectores con oportunidades de emprego
Leo Utrera ten 21 anos, é de etnia xitana e vive no barrio almeriense de Los Almendros. Superou un dos seus grandes desafíos no peor momento imaxinable: atopar un traballo en metade da pandemia. Foi a través do Plan de emprego de Cruz Vermella, que lle brindou a oportunidade de formarse, despois de traballar limpando escaleiras. Agora traballa de caixeira nun hipermercado Alcampo e loce con orgullo o seu uniforme, mentres que anima a outras persoas para loitar: «A xente da miña contorna dicíame que non me presentase, que estaba tola e que non me ían coller porque non teño nin o graduado. Pero mira, logreino». A pesar da covid-19, o ano pasado, en Cruz Vermella logramos unha vintena de insercións laborais en barriadas en risco de exclusión social en Almería.
foto empleo pandemia
parte x repor empleo pandemia
É só un exemplo do labor que vimos realizando, desde hai 20 anos e a escala nacional, co Plan de emprego de Cruz Vermella. O obxectivo é facilitar a integración laboral das persoas en risco de vulnerabilidade. As persoas e grupos prioritarios son aqueles que mostran unha contratación máis difícil, como as persoas mozas —máis da metade da poboación menor de 25 anos está en paro—, as mulleres —moitas deben facerlles fronte a cargas familiares e problemas de conciliación— ou persoas migrantes ou refuxiadas. En todos os casos, o traballo pasa por orientalas, realizando entrevistas de itinerario; formalas, mediante cursos e obradoiros; e finalmente achegalas ao ámbito empresarial, monitorizando a súa integración. Neste sentido, é clave o coñecemento e o rastrexo do mercado en busca de nichos e oportunidades. E coa covid-19, aínda máis.
A pandemia redefiniu por completo o escenario que criamos coñecer. De súpeto, o que antes funcionaba xa non ten cabida, e viceversa. Cales son as novas tendencias? Ao longo do confinamento, funcionou especialmente ben a formación en limpeza industrial protocolo covid-19, como a que puxo en marcha Cruz Vermella-Daimiel. Durante o pasado verán, Smurfit Kappa tamén contratou a seis das quince mulleres que asistiron ao curso de Operadoras de Fábrica de Cruz Vermella Córdoba —formación que, doutra banda, estaba destinada a romper a brecha de xénero nun mundo tipicamente masculino, como é o das embalaxes de cartón—. Outra área de interese é a gandería que, a través da súa agrupación industrial nacional porcina I+Porc, quixo unirse ao reto social empresarial de Cruz Vermella para a formación de 18 persoas en granxas. Un total de 14 lograron traballo nun ámbito que, a pesar da crise, segue xerando empregos de calidade.
parte 3 empleo en tiempos de covid
Traballar a partir dos 45
Dentro do Plan de emprego de Cruz Vermella hai seccións específicas orientadas a colectivos en situación de maior vulnerabilidade. E así é como chegamos ao Desafío +45. Trátase dunha acción participativa, mediante a que as persoas con idade superior a 45 anos queren demostrar que aínda están preparadas para o mercado laboral. Para iso, elaboran vídeos e fotografías nas que expresan as súas capacidades e coñecementos. Á vez, xeran grupos de traballo que deron lugar ao manifesto Desafío +45, cun decálogo de propostas para acabar coa discriminación por razóns de idade. O documento fala, por exemplo, de impulsar campañas institucionais para terminar cos estereotipos, estender o sistema de bonificacións para empresas, ampliar a oferta de formación continua ou flexibilizar os horarios laborais para facilitar a conciliación familiar.
Desafío +45 seguiu funcionando a pesar da pandemia, aínda que, por suposto, tivo que acometer cambios e adaptar todos os seus cursos. A formación pasou a ser en liña, pero tamén se reformulou a oferta, e así é como as persoas participantes seguiron accedendo ao mundo laboral. É o caso de Montse Trujillo, de 58 anos, derivada a Cruz Vermella desde o Centro da Muller. Interesouse polo curso de Auxiliar de Axuda a Domicilio antes de que estalase a pandemia e non tivo máis remedio que completalo de maneira telemática durante os meses do confinamento. Admite que lle custou, «porque non estaba moi familiarizada coa informática», pero nin a fenda dixital nin a fráxil situación económica a frearon. Así é como, durante os días máis escuros, foi a primeira do seu curso en atopar un emprego e agora atópase ao coidado dunha familia.
parte 4 empleo en tiempos de pandemia
Cable a terra para os autónomos
Nunha enquisa recente entre 123 participantes de toda España do Programa de autoemprego de Cruz Vermella, revelouse que o 90 % de empresas xestadas son de servizos non esenciais e, polo tanto, o 71 % tivo que cesar temporalmente ou de forma definitiva pola crise da covid-19. A principal dificultade? O 84 % dos autónomos está preocupado por non poder afrontar os custos fixos nos seus negocios, que van desde o alugamento á factura da luz. «Para as persoas emprendedoras foron momentos de gran dificultade, debido á situación de parálise. Pola tipoloxía de proxectos que asistimos en Cruz Vermella, normalmente abertos ao público (tendas, restaurantes…), é aínda máis complicado», explica Marta Brenta, técnica do Programa Impulsa na Comunidade de Madrid no que, durante 2020, arrincaron unha decena de negocios.
Impulsa é unha das principais patas dentro do Plan de emprego que desenvolve Cruz Vermella, cuxo obxectivo é axudar as persoas de colectivos vulnerables que queren poñer en marcha un novo negocio. Debido ás circunstancias impostas pola pandemia, esta iniciativa reforzou e adaptou a súa intervención con accións de información, orientación, mediación e capacitación para responder as necesidades e demandas das persoas emprendedoras. Isto permitiu informar e orientar en autoemprego a 1885 persoas (57 % mulleres emprendedoras), apoiando a creación e consolidación de 552 empresas de persoas emprendedoras e promovendo a redución da brecha de xénero no emprendemento durante 2020. En referencia a persoas autónomas afectadas pola crise, asistiuse a 340 empresas na reactivación económica e reorientación dos seus negocios apoiando a súa continuidade e supervivencia.
É o caso de Elva, orixinaria de Paraguai, quen quería emprender e montar o seu propio restaurante, pero tiña problemas para conseguir o financiamento. Estivo a piques de tirar a toalla, ata entrar en contacto con Idir e Marta, de Cruz Vermella Madrid, que lle axudaron a reunir o capital e alugar un local na popular zona de Ponzano. «Contactei por Internet, conteilles o meu problema e sorprendeume que respondesen tan rápido», rememora. Xuntas, reformularon o plan de empresa e presentárono no banco. En xaneiro de 2020, naceu The Jungle Bistro by Elva.
Pero chegou marzo e con el decretouse o confinamento. A pesar de que o balance dos primeiros meses fora moi positivo para Elva, xa que lle permitira cubrir o 100 % dos gastos e contratar a dous traballadores, non houbo máis remedio que baixar a persiana e acollerse ao ERTE. «Todo se me veu abaixo. Atopeime cunha débeda enorme e tiven que recorrer a Cruz Vermella de novo, pero esta vez para pedir comida», admite. O que fixo a organización foi seguir formándoa e buscarlle un traballo que lle permitise resistir, ata que finalmente retomou a súa actividade. Agradece a axuda prestada, «que moitas veces foi máis humana que técnica», e non se rende baixo ningún concepto: «Digo que nada me asusta, pero isto asústame moito. Intento tomarmo como unha proba para ver ata onde podo chegar, e creo que podo chegar máis lonxe aínda».
Como traballadora de Cruz Vermella, Marta recoñece que o máis duro da pandemia foi presenciar a caída dalgúns dos proxectos que axudara a xestar. «Traballas con eles, lévalos da man, velos arrincar con ilusión. Así que logo é moi complicado atopar esas persoas tan loitadoras, que estaban a lograr o seu soño, solicitando a entrega de alimentos», revive. Con todo, está orgullosa da capacidade de resposta de moitas persoas, que se sobrepuxeron ás dificultades e mesmo souberon aproveitar o momento. «Hainas que reformularon o tipo de negocio, que se dedicaron a mellorar os aspectos dixitais e, en xeral, a prepararse para o que vén. Está claro que a adaptación dependeu moito das competencias tecnolóxicas e da capacidade económica, pero tamén da creatividade e da proactividade», considera.
parte 5 empleo en tiempos de pandemia
O plan de emprego de Cruz Vermella: unha ponte entre empresas e persoas que buscan unha oportunidade laboral
«O labor de intermediación é grato pero, doutra banda, tamén resulta moi duro. O que máis nos custa é lidar con empresarios que non queren participar porque tiveron algunha mala experiencia no pasado», explica Cristina, técnica da área de Emprego na Rioxa: «Eu sei o gran traballo que fan os compañeiros e compañeiras en Formación, detrás de min hai 13 persoas que dependen de como me vaia unha entrevista para que nos abran portas ou non, así que sinto moita responsabilidade». A súa estratexia é desmarcarse da idea de que están a pedir un favor, «porque en realidade estamos a ofrecer xente moi preparada e que vén con moitas ganas». Antes de chegar á fase de prácticas, as persoas beneficiarias de Cruz Vermella pasan pola área de Orientación, onde determinan a que queren dedicarse, e de aí a Formación, para aprender o oficio.
É un traballo circular, porque en Cruz Vermella deseñamos a nosa oferta formativa en función das necesidades do mercado. «Temos cursos fixos, pero outros prepáranse á carta. Buscamos empresas e preguntámoslles que necesitan para deseñar itinerarios á medida», prosegue Cristina: «Non facemos cursos de macramé, porque non hai traballo de macramé. Se non, tamén fariamos», engade. Neste sentido, a covid-19 obrigounos a reinventarse e a impulsar áreas como a sociosanitaria, ou a tecnolóxica, á vez que reorientaban a persoas da hostalería ou a limpeza a domicilio, entre outros sectores, afectados pola paralización das actividades. «Os que conseguen emprego, logo veñen darnos as grazas, pero isto non é cuestión de grazas: ti es a persoa que se esforzou e que o conseguiu. Nós soamente che demos as ferramentas», remarca.
"Temos cursos fixos, pero outros prepáranse á carta. Buscamos empresas e preguntámoslles que necesitan para deseñar itinerarios a medida"
«Estou convencida de que con esforzo e perseveranza todas as persoas podemos lograr as nosas metas», afirma Rocío, quen recibiu asistencia da sección territorial da Rioxa. Accedeu ao Programa de formación e emprego e inscribiuse en distintos cursos, como o de Comercio e Reposición, que lle permitiu traballar en Carrefour durante a campaña de Nadal. Co estalido da covid-19, apostou pola atención sociosanitaria, e tamén acabou exercendo de auxiliar de xeriatría nunha residencia da Rioxa. «É unha satisfacción moi grande, nunha época tan dura, ter a oportunidade de traballar e axudar a paliar os estragos da pandemia», di. Á vez, agradece a atención do persoal de Cruz Vermella, que monitorizou todos os seus movementos e a foi orientando profesionalmente: «Fan máis do que se lles pide, van máis aló do seu traballo».
Sen saír da Rioxa, atópase Adela, empresaria de hostalería. Unha gran defensora do programa de prácticas de Cruz Vermella. «Acollo as persoas con moito gusto, porque eu empecei así. Non estudei nunha escola de hostalería. Fixen un curso de camareira de eventos en CC.OO. e acabei sendo contratada nun hotel», lembra. Despois de seis anos, decidiuse a emprender e, actualmente, é propietaria de dous restaurantes. «Gústame ofrecer a oportunidade, como ma deron a min. Sei que hai moitos empresarios que son un pouco remisos, pero opino que hai que probar a todo o mundo e, unha vez que veñen, son eles os que se abren ou se pechan a porta. Dígolles a outros compañeiros que se poden sorprender», anima. Ela mesma contratou a xente, tamén en época de pandemia, incluída unha persoa en situación de asilo e un axudante de cociña que chegou sen experiencia, «pero con moitas ganas».
«Non importa tanto a formación ou a experiencia como a actitude. Sempre lles digo ás persoas que veñen que dean o mellor de si mesmas. Porque se o fan ben, aínda que non teña o posto de traballo neste momento, gardo o seu número para o futuro ou póñoas en contacto con outras empresas de hostalería. En realidade, nunca sabes cando che van dar unha oportunidade», afirma.
parte 6 empleo en tiempos de covid
Un futuro sen fendas dixitais
O último síntoma da pandemia é, e será por moito tempo, a dixitalización forzosa. A nosa vida transcorre, agora máis que nunca, a través de pantallas e dispositivos. No ámbito laboral, son habituais as reunións por videoconferencia ou os xestores de contidos. A carencia de competencias dixitais e de acceso á conectividade pode supoñer unha clara división da poboación e terminar por acentuar, máis se cabe, a fenda dixital e a desigualdade social. É por iso que Cruz Vermella vén desenvolvendo, desde o ano 2017, o programa #EmpleandoDigital, financiado xunto á Fundación Accenture e o Fondo Social Europeo. O seu obxectivo é actualizar, mellorar e innovar os protocolos nun mercado laboral modificado pola transformación dixital.
#EmpleandoDigital ten dúas vertentes. Por unha banda, persegue que desde a propia organización acometamos un proceso de actualización tecnolóxica, algo que a pandemia da covid-19 acelerou. Unha gran parte das intervencións presenciais pasou a ser a través de Internet, mentres que todos os seguimentos se realizan a distancia. Marta, como técnica do programa Impulsa de Autoemprego en Madrid, valora moi positivamente os cambios: «Adaptamos cursos que outros anos funcionaron en formato presencial, e agora son 100 % en liña. Isto permitiunos crear outros novos, como os de Marketing e Redes Sociais. Á vez, melloramos o asesoramento en liña, que facilita moitísimo as cousas». En Cruz Vermella tamén reforzamos a formación do noso persoal en competencias dixitais e dotamos as seccións de máis equipamento tecnolóxico..
Doutra banda, a oferta formativa impregnouse do mesmo espírito e aspírase a que as persoas beneficiarias se desenvolvan con soltura en contornas dixitais. Ata a data, máis de 10 000 persoas melloraron as súas competencias, o 50 % mulleres, unha cifra que adelgaza calquera tipo de brecha e desigualdade.
A pandemia obrigounos a unha transformación que era necesaria e agora a xente está encantada de facer formacións en liña. Hai uns anos era impensable, tomábannos por tolos
«A covid-19 foi unha xerra de auga fría, pero en certos aspectos para ben», opina Cristina, técnica na área de Intermediación de Emprego na Rioxa: «A pandemia obrigounos a unha transformación que era necesaria e agora, a xente está encantada de facer formación en liña. Hai uns anos era impensable, tomábannos por tolos». Falamos de persoas que teñen responsabilidades familiares e agora fórmanse mentres atenden os seus fillos e fillas. «En definitiva, xente loitadora que fai todo o posible para saír de onde está», engade. Ao final, isto vai de converter o tempo de incerteza en tempo de transformación e de que, na nova normalidade altamente dixital, ningunha persoa quede atrás.
destacado empleo pandemia
- 86 240 persoas melloraron a súa empregabilidade, o 63 % foron mulleres
- 46 695 persoas adquiriron competencias para o emprego grazas aos cursos de Cruz Vermella
- Establecéronse 48 929 contratos a través dos cales 22 265 persoas accederon a un emprego e 431 persoas crearon o seu propio negocio
- 12 206 empresas uníronse á iniciativa e 10 375 compartiron as súas ofertas de traballo co Plan de emprego
Banner Compártelo Reportaje
a máis xente, compárteo.