As redes de contactos son clave á hora de atopar traballo - Ahora
Publicador de contidos
- ‘Emprega Redes’ é un programa de Cruz Vermella que pon o foco nas redes de contactos. Así é como funciona, e o que lles ofrece ás persoas que se atopan en proceso de procura de traballo.
O networking é unha palabra de orixe estadounidense que fai referencia á importancia de ter contactos. Consiste, concretamente, en crear unha rede de contactos con persoas que abriguen intereses similares para que, así, se xeren sinerxías e oportunidades laborais ou de negocio. Poderíase chegar a pensar que tecer estas redes non é o suficientemente relevante para atopar traballo, pero todo o contrario: ás veces, resulta esencial.
Tecer redes de contacto pode resultar esencial para atopar traballo
E é que, por exemplo, a maior parte de ofertas profesionais non se publican en portais de emprego nin en bolsas de traballo, senón que se atopan no mercado oculto. En total, estas supoñen entre un 60 e un 80 % das ofertas existentes no mercado, como corrobora Rocío Martínez Humanes, técnica da Área de Emprego de Cruz Vermella e responsable de Emprega Redes e do Servizo Multicanle de Orientación para o Emprego.
Emprega Redes é un programa de Cruz Vermella orientado especificamente ao networking, xa que, lembra Rocío, a forma de acceder ás ofertas ocultas, moitas veces, pasa polos contactos. En Emprega Redes, esas redes de contacto conséguense compartindo información e apoio mutuo durante a procura de emprego. A importancia de contar cunha rede de contactos non é algo exclusivo da procura de emprego. Desde as diferentes áreas de actuación de Cruz Vermella, a creación dunha rede de apoio é algo esencial en calquera programa no que interveñan persoas vulnerables, xa que esas persoas se converten, en moitas, ocasións no único sostén ao que poden acudir en caso de necesidade.
“Estou nun contexto, cun grupo de persoas, profesionais (aínda que non sexan do meu mesmo sector), cos que comparto un proceso de procura similar. Compartimos fontes de traballo, recursos… se os nosos tentáculos se estenden, temos máis posibilidades de chegar a outros sitios”, apunta Rocío Martínez.
“Se os nosos tentáculos se estenden, temos máis posibilidades de chegar a outros sitios”, di Rocío Martínez
Ademais diso, este programa, destinado especialmente a persoas que queren reactivarse na procura de emprego, tamén ofrece información clave sobre o mercado laboral e os recursos do contorno, así como ferramentas para poder buscar traballo e recoñecer as competencias propias.
“Poida que alguén que estivo nun sector profesional moito tempo se dea conta de que, no momento actual, non ten saída. Por iso, saber os nichos de contratación e os sectores profesionais é clave para orientarse a lugares con maiores posibilidades de contratación”, expresa a técnica de Cruz Vermella, que tamén sostén que a transformación dixital e a transición ecolóxica van marcar o rumbo neste sentido. Doutra banda, coñecer os recursos (que institucións ofertan bolsas de emprego; que entidades, como Cruz Vermella, poden acompañar nesa procura) tamén resulta clave.
Recoñecer as competencias e utilizar as redes
Recoñecer as competencias propias, outro dos puntos importantes de Emprega Redes, é moi importante á hora de buscar un emprego. Pero, que son exactamente? “As competencias son unha mestura de coñecemento, habilidades e aptitudes que desenvolvemos ao longo da vida; aquilo que, do teu posto de traballo, se che dá ben”, contesta Martínez. Explicalas e ordenalas nunha entrevista de traballo resulta crucial para ter máis posibilidades de éxito.
“Cando levas moito tempo nun proceso de procura de emprego, perdes a confianza. Identificar en que podemos ser bos, que nos fai diferentes, é un proceso laborioso”, engade. Por iso, en Emprega Redes, todo iso se estuda e se reforza.
Ademais, no programa tamén se lles dá importancia ás ferramentas dixitais, xa que, por exemplo, as redes sociais pódense empregar como canles de procura de emprego. “Moitas persoas utilizamos as redes sociais; outra cousa é que as usemos como ferramentas con esa finalidade”, sostén.
As redes de contacto, en calquera caso, están máis preto do que se podería crer. “Pensamos que a solución é irnos a Linkedin, pero tamén podemos empezar por algo máis próximo: o grupo de papás e mamás do cole, a nosa comunidade de veciños, compañeiros e compañeiras de cursos de formación… Empezar polo máis próximo á persoa para ir ampliando”, asegura Rocío Martínez.
Actualmente Emprega Redes de Cruz Vermella está a desenvolverse en Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Andalucía e Canarias. Podes saber máis sobre este programa aquí.
a máis xente, compárteo.