Acogimiento Familiar: mucho más que una familia temporal - Ahora
Publicador de contidos
Johanna e Enoc, xunto aos seus fillos Samuel e Emma de 14 e 11 anos, son unha das 330 familias de acollida que forman parte do programa Familias Acolledoras da Xunta de Galicia que xestiona Cruz Vermella. Levan desde 2015 acollendo e proporcionando un núcleo familiar estable a nenos e nenas que por diversos motivos non poden desenvolver a súa vida coa súa familia de orixe. Neste momento dous irmáns viven con Johanna, Enoc, Samuel e Emma baixo esta modalidade de coidado alternativo que prevé o sistema de protección á infancia.
En ocasións faise complicado garantir que grupos de irmáns poidan estar xuntos nun sistema de acollida familiar alternativo. Por iso, a xenerosidade desta familia galega á hora de acoller é aínda maior. Non é a primeira vez que o fan. Xa teñen experiencia con dúas xemelgas de tres anos que quedaron con eles ata que fixeron os cinco. Despois chegou un bebé ao que a súa nai renunciara ao dar a luz, ao que coidaron mentres se tramitaba a súa adopción. Hoxe, teñen baixo o seu coidado a dous irmáns, de 7 e 10 anos. “Aínda que cada caso é diferente o que se percibe, sobre todo, é que os irmáns se apoian entre eles”, conta Johanna. Un apoio que pode ser de grande axuda á hora de favorecer a recuperación emocional dos nenos e nenas ante a separación dos pais biolóxicos.
“Aínda que cada caso é diferente o que se percibe, sobre todo, é que os irmáns se apoian entre eles”, conta Johanna
Os nenos e as nenas que entran en programas de familias de acollida fano por moitos e moi diferentes motivos: “Poida que os pais non poidan coidalos de maneira temporal e pedisen unha garda porque a situación de pobreza extrema fai insostible poder encargarse deles, ou porque se sospeita dalgunha outra circunstancia como adiccións, casos nos que os familiares deixaron o neno ao coidado de terceiras persoas, neglixencias...”, explica Enoc.
En España hai case 50.000 nenos, nenas e adolescentes baixo o Sistema de Protección á Infancia, 2.375 están en Galicia. Dese total, 21.000 atópanse en recursos residenciais e boa parte deles buscan familia de acollida nestes momentos. Johanna e Enoc comezaron a acoller hai seis anos, pero as súas respectivas familias xa participaban nestes programas cando eles eran pequenos nos seus países de orixe, segundo explica Johanna: “Somos de familias grandes e desde que casamos tiñamos claro que queriamos acoller. Despois de ter os nosos dous fillos consideramos se ter outro ou facer acollementos, e decantámonos pola última opción”.
A importancia de que te coiden
As familias solidarias que acollen nenos, nenas e adolescentes son esenciais na educación, crecemento e protección destes ata que poden volver coa súa familia biolóxica ou se determine outra forma de coidado de carácter permanente. Son unha alternativa de convivencia aos recursos residenciais dos que dispón o Estado a través das comunidades autónomas. Unha oportunidade para que estes nenos e nenas que xeralmente se enfrontaron a circunstancias difíciles crezan nunha contorna afectiva que compense as carencias afectivas ou materiais vividas anteriormente. “Ser familia de acollida é abrir o teu fogar a nenos e nenas que o necesitan. Ofrecémoslles un contorno máis familiar e máis normalizado ca un centro, á vez que están sempre coas mesmas persoas”, explica Enoc. “Se tes xente que se ocupa de ti, as túas necesidades básicas están cubertas. O fin do acollemento é brindar un fogar, dar unha rutina, ensinar a ter valores, axudar no fogar... Pero tamén é dar a oportunidade para que a súa familia se reestruture ou que mellore se hai problemas dalgún tipo”, engade.
Cando unha familia solidaria acolle, desde Cruz Vermella bríndaselles todo o apoio, soporte e acompañamento que poidan necesitar ao longo do proceso: desde a entrevista informativa inicial na que ás familias se lles explica o proxecto, ata a despedida dun neno ou nena acollido, pasando polas fases de valoración, formación, preparación do acollemento, seguimento e finalización. En palabras de Enoc: “Cruz Vermella sempre estivo para orientarnos. Sempre están abertos a calquera dificultade para que lles consultemos e están pendentes de nós. Nunca nos deixaron nada sen resolver”.
Posiblemente a parte máis complicada é a despedida. “Cos nenos máis maiores é diferente porque desde o momento que lle dis ‘eu non son mamá’, estás a marcarlle unha temporalidade da relación. Nós ímolos preparando cando vai chegando a data, mandando os seus xoguetes á casa nas últimas visitas e falándolles sobre se lles apetece volver coas súas familias”, conta Johanna.
Na actualidade, o proxecto de Acollemento Familiar de Cruz Vermella atende anualmente a máis de 4800 persoas, das que máis de 2800 son familias de acollida e máis de 1900 son nenas, nenos e adolescentes en acollemento. Ademais, o servizo multicanle SerAcogedorA, unha plataforma en liña creada especificamente desde o proxecto de acollemento familiar de Cruz Vermella, permite que calquera persoa interesada poida resolver as súas dúbidas ou buscar información da man de profesionais.