A actualidade de Cruz Vermella

Language Selector

Cuando el rescate se produce entre la roca y el mar - Ahora

Nested Applications

Cando o rescate se produce entre a roca e o mar

REPORTAXES

CANDO O RESCATE SE PRODUCE ENTRE A ROCA E O MAR

Cando o rescate se produce entre a roca e o mar
No verán, non só as praias son o escenario onde desenvolven a súa actividade os equipos de rescate de Cruz Vermella. As zonas rochosas aglutinan, durante o período estival, a un gran número de persoas que consideran que estes espazos non entrañan ningún perigo. Como sempre, a prudencia é a que debe ditar os pasos en todas as ocasións. Especialmente, nestes espazos.

Contenidos

Cruz Roja

ESCRITO POR:
ENTREVISTA POR:
Cruz Roja

Banner Compártelo Reportaje Pequeño

parte 1 rescates zonas rocosas

Este verán é diferente a outros. Afírmao con rotundidade Javier Server, coordinador de Cruz Vermella Jávea (localidade situada en Alacante), ao ser preguntado polos rescates que realizaron en zonas rochosas este 2021. “Quizá sexa unha valoración sociolóxica derivada da pandemia”, expón, reflexivo, “pero, como consecuencia das restricións de mobilidade e aforo, estamos a ver que moita xente opta por ir a calas escondidas”. Server sabe ben do que fala. Leva en Cruz Vermella Jávea máis dunha década; anteriormente, tamén pasou unha tempada en Dénia. E, a pesar de ter só 35 anos, o seu testemuño representa a voz da experiencia.

“Acórdome de que, cando entrei en Jávea, en 2008, os rescates ían máis orientados a pescadores locais que caeran, mergulladores; algún turista, si, pero era outro estilo”, rememora. E puntualiza algo que, ao seu parecer, resulta esencial cando un se achega ás zonas rochosas: “Mentres que si hai un respecto pola montaña: sabes que, para subir, non podes facelo en chanquetas, aquí non pasa o mesmo. Non se ten esa percepción”.

Despois do parón que supuxo o ano pasado, agora, “son esaxeradamente frecuentes os rescates”, opina Server. Polo momento, no que levamos de verán de 2021, xa se produciron 12 rescates en zonas rochosas, e preto de 50 asistencias e salvamentos en praia e embarcacións. “E xa non só na rocha”, menciona o coordinador de Cruz Vermella Jávea. “Parece que a xente agora quere vivir experiencias novas: ‘Imos facer kaiak’, ‘imos facer mergullo’. Pero despois non miran o parte meteorolóxico e acábanse refuxiando nunha cova”, comenta.

“Agora son exaxeradamente frecuentes os rescates en zonas rochosas”, menciona Server

Os accesos ás zonas rochosas, doutra banda, tamén entrañan unha gran complexidade. “Sendas de montaña, zonas escarpadas, covas, calas pechadas…”, recapitula Server. Non sucede o mesmo no País Vasco, onde a orografía do terreo, asegura Koldo Larrazabal, non ten moito que ver coa do levante. “Aquí non hai pequenas calas ou, en todo caso, non se utilizan como medio de esparexemento de baño. Nos grandes cantís, quizá si hai algún accidente de alguén que vai pescar, pero non adoitan ser bañistas”, puntualiza.

Larrazabal leva traballando en Cruz Vermella 26 anos, o últimos tres como director de Socorros e Emerxencias da Organización en Bizkaia. Conta que á gran maioría de praias da súa costa, iso si, hai que acceder a través de sendas montañosas, o que implica camiñar durante un longo traxecto ata alcanzar o mar. Neses casos, o máis común adoitan ser as caídas. “A extracción e evacuación de persoas é o que máis facemos”, advirte o responsable de Cruz Vermella.

En Galicia, doutra banda, atesouran os cantís máis grandes de Europa; alí é, precisamente, onde adoitan intervir en cuestións de rescate en zonas rochosas. Román Paz, responsable de Salvamento Marítimo de Cruz Vermella na Coruña, conta que a xente que se adoitan atopar son persoas que van pescar (xa sexa con cana ou pesca submarina) e profesionais da mesma disciplina. “As mareas son moi fortes e poden subir ou baixar 5 ou 6 metros, polo que non son zonas que propicien ir bañarse”, expresa.

parte 2 rescates zonas rocosas

As particularidades das zonas rochosas

As zonas rochosas, como unha cala, son lugares moi particulares para realizar un rescate. Quizá por iso, Javier Server cualifica que o perfil de socorrista, neste caso, é máis de “rescatador ou rescatadora”. “En Jávea facemos o curso de socorrismo básico, pero logo empezamos a facer especificacións en trauma e de inmobilización”, precisa o coordinador. Os ósos rotos son habituais nestes rescates. Por iso, utilizan desde técnicas de monitoraxe como pulsioxímetros e tensiómetros ata ferramentas como o fernoquet, taboleiros espinais, colar ortopédico ou padiolas niño. “As cuestións de trauma son moi complexas, mesmo poden derivar nunha hemorraxia interna”, valora Server.

Os ósos rotos son habituais nos rescates en zonas rochosas

O fundamental? “Facer o traballo dunha ambulancia nunha zona hostil onde sabemos que non vai chegar. Temos que asegurarnos de que a persoa teña unha calidade asistencial excelente, debido a que é vital para que despois a súa evolución sexa favorable no hospital”, explica Javier Server. Iso fai, ademais, que un equipo de rescate destas características non poida estar formado por unicamente dous socorristas: no punto do accidente poden chegar a concentrarse entre 5 ou seis perfís. 

O traballo é totalmente de equipo: hai un xefe, unha persoa que rastrexa (que busca as zonas seguras de evacuación), alguén que se encarga da inmobilización…”, enumera. Neste tipo de zonas, ademais, moitas veces prodúcense rompentes, “e non podes sacar unha embarcación contra as rochas”, expresa. Se non hai forma marítima ou costeira de levar a cabo o rescate, nalgunhas ocasións solicítase mesmo un helicóptero ou un equipo de bombeiros. 

parte 2b rescates zonas rocosas

Miriam Jarjor, de 22 anos, leva pouco tempo no grupo de rescate de Server, ao que se uniu un pouco antes de que estalase a COVID-19. Ademais de ser voluntaria de Protección Civil e Cruz Vermella, tamén é técnica en Emerxencias Sanitarias. As situacións en zonas rochosas, asegura, “son complicadas” porque as persoas que atenden, xeralmente, están a pasalo mal. “Pero sempre vas ter o equipo; esa confianza e complicidade de saber que están aí”, declara. “E é moi gratificante saber que, cando alguén te necesita, vas poder solucionar o seu problema”, engade.

Román Paz, desde A Coruña (Galicia), explica que o máis habitual alí é atoparse con caídas; caídas na propia rocha dun cantil, ou, as máis frecuentes, en pleno mar. “As persoas que traballan en pesca quizá teñen máis claros os riscos, pero, por exemplo, ao caer á auga pode haber moitos perigos por golpes”, remarca. 

No peor dos casos, unha mala caída pode mesmo levar á inconsciencia, o que, incide Paz, pode facer que unha persoa afogue. As feridas, ademais, adoitan darse nas extremidades e tamén resulta habitual atopar fracturas e cortes profundos.

parte 3 rescate zonas rocosas

Un protocolo que salvavidas

Cando se produce unha intervención na zona de Jávea (Alacante), o Centro de Avisos de Cruz Vermella é o que canaliza a información. “Derivamos unha embarcación de dous socorristas, e desde onde está a sede central en Jávea, sae un vehículo Romeo de rescate co xefe de equipo e un socorrista”, explica Server. “Ou chega a embarcación, ou o equipo de terra, pero, ao ter dous recursos, tentamos garantir que a vítima reciba asistencia polas dúas vías”, evidencia. E é que, conta, poida que a embarcación pase de longo ou non localice o incidente; ou que a persoa que alertase, nerviosa pola situación e por descoñecemento, non saiba concretar a zona. “Normalmente intuímos onde pode ser, pero sempre enviamos os dous recursos para non fallar nunca”.

Os tempos son precisos e, sobre todo, moi axustados. “Os primeiros que interveñen fano nunha media de tres minutos e medio; aí faise a primeira valoración. Paralelamente, o equipo de terra (co Romeo) tarda uns 8 minutos. Se cadra, se tes que baixar á parte máis montañosa podes chegar en 15 minutos”, estima o coordinador de Cruz Vermella Jávea. “Se ten que ver con temas de trauma, podemos tardar entre uns 40 ou 50 minutos ata o contacto de transferencia coa ambulancia”, engade. 

Os tempos son precisos e moi axustados

No País Vasco o procedemento é similar. Os incidentes chegan a través do 112 ou de Salvamento Marítimo. “Temos un tempo de resposta de entre 15 e 30 minutos”, calcula Koldo Larrazabal en liñas xerais. No seu caso, doutra banda, o máis habitual é acceder por vía marítima, mentres que outros medios se despregan tamén por terra. Complicacións? “Depende do estado do mar”, contesta o director de Socorros e Emerxencias con profundo respecto. 

19 minutos é, doutra banda, o tempo medio que tarda o operativo de Salvamento Marítimo de Coruña en poñerse en marcha. O Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo da localidade dá o aviso, e o protocolo actívase; un protocolo, onde, ademais, poden chegar a participar helicópteros se o estado do mar realmente resulta “non asumible” para o equipo de rescate. “E tamén depende da zona específica, pero temos dispoñibilidade as 24 horas”, conta Paz, quen confesa tamén a súa paixón polo mar. El entrou no ano 1989 en Cruz Vermella Mocidade, e en 2007 comezou en Salvamento Marítimo. Desde 2017 é, ademais, responsable da área en Coruña. “Ou te engancha e te volve tolo e se converte na túa paixón e a túa vida, ou non che gusta nada. E a min enganchoume”, recoñece. 

Javier Server, doutra banda, lembra a gravidade dos casos aos que se enfrontan: “O outro día unha muller sufriu unha fractura de costelas; caeu de dous metros nunha rocha. Tiña unha lesión que impedía que se puidese enganchar e subir cun cable, polo que o noso traballo foi vital”. “Tivemos que levala nunha posición moi específica na embarcación para que non perdese osíxeno ata o posto máis próximo, xa que tiñamos no peirao unha ambulancia para que a levase ao hospital”. Un protocolo que está marcado pola eficacia e que persegue un principal obxectivo: que ninguén quede atrás.

parte 4 rescates zonas rocosas

Os rescates máis frecuentes… e atípicos

Os patróns de rescate divídense, habitualmente, en dous patróns. O primeiro, e “máis común”, en palabras de Javier Server, é o dos perfís novos de vacacións que, tras pasar unha noite de festa, “deciden ir descansar a unha cala”. Especifica máis: “Queren catro días en Jávea e quéreno todo, así que dormen unha hora, collen as chanquetas e van facer kaiak ou a unha cala sen ter en conta cuestiones como a hidratación”. 

As consecuencias das súas accións viviunas en numerosas ocasións o equipo de rescate de Cruz Vermella Jávea. “Síncope, desmaio, golpe de calor, ou inconsciencia por deshidratación”, enumera Server. Cando unha destas situacións se dá nunha praia de area, normal e corrente, a ambulancia acode sen maiores problemas; con todo, “cando estás nunha zona de rocha e non tes nin sequera auga, pódese complicar”.

“As redes sociais e as xeolocalizacións potencian que a xente vaia a calas onde antes non había ninguén”

O seguinte tipo de rescate ao que se adoitan enfrontar son as xa criticadas “chanquetas”. “Escorrego e doume na cabeza; ou un golpe cunha moto de auga”, pon como exemplo Javier Server. E, como non, as redes sociais tamén cumpren un papel non demasiado alentador neste contexto. “A xente está moi mal informada con todo o tema dos saltos. Moitas veces o maior inimigo non é o fondo, senón a superficie plana da auga: é coma o asfalto. Como tirarte contra o chan. Resultado? Ombreiros e pernas rotas”, precisa o coordinador.

parte 4b rescates zonas rocosas

As redes sociais, ademais, son o escaparate de moitos lugares inhóspitos que, tras pasar o filtro de beleza da aplicación, se comparten nestas canles cun sedutor efecto chamada. “As redes sociais e as xeolocalizacións potencian que a xente vaia a calas onde antes pasabas e non había ninguén, pero agora atopas grupos de entre 18 e 20 persoas. E, se baixan 20 persoas a unha cala, hai moitas probabilidades de que algún vaia caer”, indica Server. 

A pouca consciencia de moitas persoas fai que Javier Server dedique un momento para expresar como combate, no seu caso, esta despreocupación que mostran tantas persoas. Ao final, ten claro que “non podes berrarlle a ninguén nunha situación crítica, porque un paciente relaxado é un paciente cooperante”. Por iso, incide, o importante é transmitir que ese é “o teu día a día” e non preocupar de máis á persoa. 

De feito, Javier Server valora que en poucas ocasións as persoas ás que axudan se acorden da súa intervención. “A verdade é que estamos moi afeitos a que non nolo agradezan. Cando deixamos a persoa ferida na ambulancia, non sabemos nada máis dela”, menciona.

Pero, en 2010, lembra un caso especialmente emotivo que marcou de forma significativa a súa vida e como é, actualmente, o equipo de rescate de Cruz Vermella Jávea. “Xa pecharamos a praia e estaba cun compañeiro facendo inventario e limpando. De súpeto, chamáronnos da praia do Arenal porque había unha moza que tivera un accidente preto dun cantil. Saímos correndo na embarcación e no 4x4”, conta.

A moza estaba, concretamente, no cabo de San Antonio, un dos lugares máis emblemáticos da localidade. Había bandeira vermella. “Ía en esquí acuático e tiña unha fractura de fémur”, lembra Server, que engade que a parella da moza estaba a suxeitala en pleno mar á espera de que chegasen. “Tiñan debaixo 20 metros de profundidade”, salienta. 

“Foi unha intervención de 40 minutos á boia co risco de que iamos contra as rochas. A muller gritaba de dor. Houbo un momento en que me pegou tal berro na orella, que pensei: ‘Ou reaccionamos máis rápido, ou imos abaixo todo o mundo’”, explica o coordinador de Cruz Vermella Jávea.

“Foi unha intervención de 40 minutos á boia co risco de que iamos contra as rocas”

Cualifica o traballo psicolóxico que realizaron como “vital”. “Iamos falando con ela, explicándolle o que iamos facer… incluso contando chistes, tratando de crear un ambiente distendido”, rememora Server. “Foi moi duro porque nos demos conta de que isto non era para o que nos preparaban os libros de socorrismo; non sempre a persoa que tes que rescatar está tendida cara arriba, perfectamente. É un dos casos que pautou como somos hoxe”, recalca.

Un caso que tamén marcou a Román Paz, responsable de Salvamento Marítimo en Cruz Vermella na Coruña, produciuse arredor do ano 2009. “Activáronnos cando estabamos a facer unha regata porque caera un pescador á auga. Puxemos rumbo á zona, pola torre de Hércules. Ao chegar, o home estaba xa cunha hipotermia severa, empezando a afundirse. Collémolo xusto co primeiro grolo de auga”, lembra, emocionado, o portavoz de Cruz Vermella.

“Quitámoslle a roupa, tapámolo, e salvámoslle a vida in extremis. Unha desas sensacións que non podes esquecer”, conclúe.

parte 5 rescates zonas rocosas

Consellos e prevención para anticiparse ás desgrazas

“A todos nos gusta ir ás calas, pero hai cousas que debemos ter en conta”, apunta Javier Server. A primeira: que haxa socorristas. “Onde haxa socorristas, sempre será o lugar máis seguro”, incide. 

Koldo Larrazabal, director de Socorros e Emerxencias de Cruz Vermella Biscaia, coincide. “Que a xente se bañe sempre en zonas vixiadas e no horario pertinente”, remarca. Xusto no momento en que está a contestar, a súa voz afástase do teléfono para recomendarlle a unha moza que non estacione no lugar onde o está facendo. “É a zona da ambulancia, non podes aparcar”, escóitase que indica. “En fin, oíchelo, non? Como é a xente ás veces…”, suspira Larrazabal.

A xente, precisamente, é tamén quen nutre Instagram de fotos de paradisíacos contornos naturais. Javier Server volve recoller o testemuño para incidir en que “non hai que fixarse dunha foto de Instagram, que hoxe en día sabemos que están moi retocadas. É mellor documentarse sobre o lugar, ver as vías que temos para ir, revisar o parte meteorolóxico…”, comenta. “Hai un descoñecemento das zonas mediterráneas, porque se considera que o perigoso está no norte, pero aquí tamén hai perigos pola orografía ou o vento. Aínda que non haxa ondas, hai correntes”, precisa. “No caso de Jávea, un día de kaiak marabilloso pode acabar mal e cun helicóptero”.

Ademais diso, hai recomendacións de sempre que non pasan de moda: procurar ir con xente, ter o móbil cargado, revisar que haxa cobertura, levar auga, e ir despois de descansar e cunha óptima hidratación. “Se vas a unha cala, vas á montaña, e debes levar calzado adecuado”, lembra Server. Unha pequena caixa de primeiros auxilios, por último, non pode faltar.

“Hai un descoñecemento das zonas mediterráneas, porque se considera que o perigoso está no norte”

E tan importante son os consellos como a prevención, para o que resulta fundamental coñecer o medio e a praia. “Tes que estar todo o día na auga”, evidencia Server. Só así é posible detectar os sinais de que unha persoa pode estar en problemas sen aínda sabelo. “A persoa que está na torre ten que estar a analizar todo o que pasa”, explica Server.

Pon un exemplo: “Un grupo de dúas mozas métense nunha zona de corrente. Ves, primeiro, que rin cómplices porque hai corrente. De súpeto, deixan de rirse e preocúpanse, porque a corrente vai tirando. Iso sábelo cando se poñen de costas, porque quere dicir que xa están cansas. Aí xa te estás tirando á auga e, cando a corrente vai tirar, xa as enganchaches. Tes que anticiparte sempre”.

“Hai pouco deuse o caso dunha bandeira vermella na praia do Arenal. A xente frústrase cando vas dicirlles que non se poden bañar; pero, en realidade, estás a previr que se afogue un neno; que un señor teña un accidente na auga… Os rescates son ruidosos, pero a prevención salva vidas”, conclúe Javier Server.

parte 6 rescates zonas rocosas

Un labor que, contra vento e marea, compensa

Para intervir nun rescate nunha zona rochosa a formación resulta totalmente esencial. Javier Server, coordinador de Cruz Vermella Jávea, conta que no equipo interveñen persoas voluntarias cuxo perfil adoita estar entre os 20 e 30 anos. “Adoitan estar a preparar oposicións a bombeiros, policía local, enfermería… E este voluntariado sérvelles para coller experiencia para o día de mañá”, relata. “O socorrismo en España é o berce dos futuros bombeiros e bombeiras, policías e sanitarios e sanitarias: por iso é importante coidar aos e ás socorristas”.

Durante todo o ano prepáranse para este tipo de situacións. As persoas que se achegan para axudar só no verán adoitan quedar no “socorrismo de praia común”; con todo, as que participan en rescates en zonas rochosas están “todo o ano na auga”. “É unha vocación e paixón e, como hai moito traballo en equipo, créanse moitos lazos”, asegura o responsable de Cruz Vermella Jávea. No inverno, enfócanse máis en inundacións; no verán, neste tipo de actuacións, onde tamén pode haber reforzos do persoal laboral de praia. Pero ningunha estación pode frealos.

“É unha vocación e unha paixón”, asegura Server

“No inverno temos un pequeno grupo máis reducido de adestramento, e facemos prácticas en zonas rochosas que no verán están máis saturadas de xente”, conta Miriam Jarjor, unha das voluntarias do equipo de rescate de Cruz Vermella Jávea. A pesar de recoñecer que non lle resultan “duros” os adestramentos, si advirte que pode pasar calquera cousa. “Cando saes ao mar, non sabes o que vas atopar”.

“Nun adestramento, fomos á illa do Portichol e tivemos que facer unha asistencia a uns kaiaks. Saes para unha práctica e acábase convertendo en realidade”, lembra. Era entre abril e maio, e algúns dos kaiaks que saíran non podían volver a causa do mal tempo. “Como facemos prácticas no inverno, cando o mar está máis picado ou rompe máis, estamos máis preparados para actuar fronte a este tipo de situacións”, advirte Jarjor.

“Tes que ter moito control sobre a tensión. Nunha situación así, a persoa non é consciente do que está a pasar e só quere saír de alí. Ás veces entra no túnel ese de ‘non vou saír de aquí’. Ti es a persoa que exerce de mediadora, que debes tranquilizala, buscar unha vía de escape… Despois do un, o dous”, evidencia a voluntaria. Respecto ao frío desas épocas no mar, asegura que cos neoprenos que levan se fai máis levadío.

Neoprenos, por certo, que son tamén indispensables no verán. “Non só para protexernos de calquera impacto que poida ocorrer contra unha rocha, senón porque tamén nos protexe das medusas”, intervén Javier Server. “Se estás nun taboleiro cunha persoa, e che pica unha medusa, poderías soltalo, deixar que se afundise. E non podes facer iso”, remarca.

“O que máis ilusión me produce, quizá porque dentro do oficio son dos velliños, é facer rescates co meu alumnado. Despois duns meses formándose, velos xa con esa mirada, con esa ilusión nun vehículo de rescate e encántame”, asegura, emocionado, Server. Miriam Jarjor, que recoñece que non pensaba que lle fose a gustar tanto o mar, ve o seu futuro no SAMU ou nunha unidade de intervención; “como vaia xurdindo”. Desde logo, onde ten claro que estará no futuro é o grupo de rescate en zonas rochosas de Jávea. “Non hai que perderlle o respecto ao mar: só hai que coñecelo”, conclúe. 

Compensan todas as carreiras á auga, os rescates difíciles, a constante alerta, os perigos das zonas rochosas…? “Si, compensa moito, moitísimo”, di Javier Server desde Jávea. O mar da nosa xeografía, mesmo nas zonas máis rochosas e montañosas, conta cuns inmellorables gardiáns e gardiás.

Banner Compártelo Reportaje

Banner Home

LE O QUE CHE INTERESA
Subscrébete á nosa newsletter e descobre un millón de pequenas historias