Empezar de cero: compartir experiencias, dificultades y miedos para seguir adelante - Ahora
Publicador de contidos
- Un proxecto de Cruz Vermella que ofrece un espazo de encontro onde intercambiar experiencias, dificultades, medos ou expectativas; tamén para atopar estratexias e ferramentas para afrontar os cambios vitais e recuperar o benestar persoal. Así é Empezar de Cero.
Unha caixa cun espello. Pode parecer simple, pero encerra unha poderosa lección: a persoa máis importante da nosa vida, á fin e ao cabo, é a que nos mostra o reflexo, é dicir, nós. Esta é unha das leccións que se aprenden en Empezar de cero, unha iniciativa de Cruz Vermella que comezou na provincia da Coruña no ano 2017 (tamén noutros territorios, baixo o nome de Benestar Persoal e Activación Social) e que se converteu nun proxecto moi relevante para as persoas que forman parte del.
Pero que é exactamente Empezar de Cero? Unha serie de sesións grupais (tamén individuais) na que as persoas participantes do proxecto comparten experiencias e aprenden a enfrontarse aos cambios vitais para alcanzar o benestar persoal. O anterior exemplo da caixa cun espello dentro é só unha das dinámicas que se utilizan nas sesións, que buscan tamén xerar redes de apoio para persoas que, moitas veces, non as teñen doutra forma.
Empezar de Cero é un proxecto que, mediante sesións grupais e individuais, ten como obxectivo alcanzar o benestar persoal.
Belén Fernández Rego, responsable provincial do proxecto na Coruña, destaca como o proxecto axuda as persoas que están en situacións difíciles grazas á súa metodoloxía grupal, onde se xera un clima de confianza perfecto para expresarse. «Compartir experiencias con xente que moitas veces está nunha situación similar; nun espazo onde nunca se senten xulgados, onde poden esquecerse un pouco dos seus problemas, falar claro… Dinnos que ás veces son os únicos momentos onde realmente desconectan da realidade», conta.
Co apoio do persoal técnico e do voluntariado de Cruz Vermella, as persoas participantes contan as súas vivencias ante o resto e, mediante dinámicas e xogos, trabállanse aspectos como a autoestima ou a asertividade, entre outros. Tamén, en función das necesidades do grupo, se incide noutras competencias que axuden a enfrontarse aos cambios vitais co fin de alcanzar (ou recuperar) o benestar persoal.
«Os e as participantes no proxecto adoitan ser persoas que non contan con redes de apoio. Buscamos, mediante as sesións grupais, que se relacionen cos seus compañeiros e compañeiras e poidan atopar ese apoio que lles falta na súa vida cotiá», relata Belén, que tamén engade que os dotan de ferramentas para que poidan incorporar ao seu día a día, desde xestión emocional ata habilidades para mellorar a súa empregabilidade.
A importancia de ter un apoio
Kevin Daniel Martínez Mercado é un dos participantes de Empezar de Cero. Del destaca, fundamentalmente, o apoio que sente cos seus compañeiros e compañeiras. «Apoiámonos, aconsellámonos… Ás veces sentímonos sós e o grupo axúdanos, porque aquí en España non temos a ninguén», expresa este colombiano que estivo a vivir na rúa durante case catro meses.
«Empecei o proxecto sen ánimos, sen ganas de seguir adiante… e aos poucos foi a mellor grazas aos meus compañeiros, e a Belén. É algo que te motiva. No ámbito persoal axudoume moitísimo», expresa Kevin. «Ter un apoio para poder seguir adiante» é o que máis destaca este participante dos encontros, que se levan a cabo de forma semanal e teñen unha duración dunhas dúas horas.
“No ámbito persoal axudoume moitísimo”
Luz Elena Bernal Guillot tamén afrontou nos últimos tempos situacións complexas. «Quedei sen emprego, non sabía como solicitar axuda… e cheguei a Cruz Vermella», expresa. Alí coñeceu a Belén Fernández Rego e o proxecto Empezar de Cero. «O nome dio todo», di Luz Elena, que tamén resalta da iniciativa o poder de motivación que lle inxecta.
«Escóitannos. Dannos voz. É como se te quitases unha carga de encima», conta Luz Elena. No seu caso, leva na Coruña máis de 10 anos, onde convive coa súa filla menor e o seu pai. Actualmente atópase desempregada e recibindo a renda de inclusión social de Galicia (RISGA). A pesar diso, e grazas ao proxecto, logrou ver o lado positivo das cousas.
“Escóitannos. Dannos voz. É como se te quitases unha carga de encima”
«Fíxome ver que non me debo enfocar no problema. Ou que debo convertelo en algo positivo. Cambiar a forma de velo», indica esta participante. «É verdade que estamos a pasar por unha situación moi dura, pero estes encontros fan que nos sintamos ben», conclúe.
Empezar de Cero é un proxecto que tamén se desenvolve en Cambre, Santiago de Compostela, Ferrol, Boiro e Terra de Soneira. Ademais de ser o espazo idóneo para xerar sinerxías e relacións, este proxecto pretende, así mesmo, que as persoas participantes poidan situarse no lugar dos demais e apoialos. Tamén serve como unha válvula de escape na que compartir estratexias de afrontamento e de superación que repercutan no benestar persoal.
a máis xente, compárteo.